O Sabor das Margaridas estreará a súa tempada en Netflix o 18 de novembro

xoves, 22 de outubro do 2020 Redacción

A segunda tempada de O Sabor dás Margaridas, serie orixinal de CTV e coproducida por CTV, a TVG e Comarex, estrearase en Netflix o vindeiro 18 de novembro. O thriller policial con ADN galego volve emitirse na plataforma dixital, tras o éxito internacional que acadou a primeira tempada o ano pasado. Cun toque máis urbano, pero seguindo o seu xa recoñecido estilo galician noir, a segunda tempada incorpora unha repartición de actores recoñecidos a nivel internacional, en liña co alcance que tivo a primeira tempada e para reforzar o seu éxito internacional
O Sabor das Margaridas destacou por ser primeira serie en galego que se emite en Netflix e por transcender que foi a sétima serie máis vista en Reino Unido e Irlanda en abril do ano pasado en lingua non inglesa, segundo o Top 10 de popularidade oficial de Netflix.
Esta segunda tempada, emitida hai meses pola TVG, pon de novo sobre a mesa temas como o apoderamento feminino, a prostitución ou a violencia sexual. Está composta por 6 capítulos de 70 minutos de duración, e dirixida por Álex Sampayo, con guión orixinal de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias.
O cadro de actores fórmano figuras de renome en Galicia; outros que son revelación a nivel nacional, e outros emerxentes de ámbito internacional. María Mera, Santi Prego, a actriz arxentina Noelia Castaño, ademais de Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo, son algúns deles; un elenco que reforza o carácter internacional da serie.
Cómpre salientar que a primeira tempada de O Sabor das Margaridas foi merecedora en 2019 o Premio Mestre Mateo á mellor serie de televisión, recibindo tamén hai meses o Premio da Cultura Galega no apartado audiovisual.

PUBLICIDADE