O Portal da Lingua recoñecerá os mellores traballos dos nosos centros sobre a figura de Carlos Casares
martes, 25 de outubro do 2016
O
Portal da Lingua Galega e o Portal
Educativo galego publicaron
os días pasados unha nova convocatoria
do Concurso-Exposición Letras Galegas.
Este certame, como lembraremos, lánzase
cada no co fin de visualizar a/o autora/or que recibe homenaxe na
vindeira edición da festa do 17 de maio, neste caso concreto un dos
escritores galegos máis senlleiros, referenciais e recordados:
Carlos Casares.
Os
participantes serán os nosos centros educativos, que terán até o
22 de xaneiro para presentaren as súas exposicións sobre a obra, a
vida ou o contexto histórico do autor de Vento
ferido. As
achegas recoñecidas difundiranse arreo dende o Portal da Lingua
Galega.
Segundo
informa a Secretaría Xeral de Política Lingüística, os
colexios e institutos participantes na
elaboración destas achegas recibirán
un premio en metálico por importe de 2.000 €
e, por primeira vez, o profesorado obterá un certificado de premio
de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación
permanente do profesorado, ou 30 no caso do coordinador ou
coordinadora do proxecto gañador.
Homenaxe
a Carlos Casares
O pasado verán, o
pleno da Real Academia Galega acordou adicar o Día das Letras
Galegas de 2017 a Carlos Casares Mouriño. Narrador, ensaísta,
articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Casares
(Ourense, 1941-Vigo, 2002) é, en palabras da Academia, “unha das
figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das
últimas décadas do século XX”. Foi autor de libros tan
referenciais como Vento ferido,
Ilustrísima, Xoguetes para un tempo prohibido
ou Os escuros soños de Clío, amais
dunha novela póstuma, O Sol
do verán, que
está considerada unha das obras cume das nosas letras no século XXI
(foi Premio da Crítica en 2002).