O Lab Barbanza do Concello de Boiro dá a benvida a novos proxectos empresariais

mércores, 27 de marzo do 2024 S. P.

Co comezo da primavera, o Lab Barbanza do Concello de Boiro, centro de traballo innovador da comarca integrado na Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, deu a benvida a novos proxectos empresariais cos que seguir dinamizando o emprego e o emprendemento. Neste punto tamén servirá de impulso a subvención acabada de recibir polo Concello dende a Deputación.
Entre as novas incorporacións ao espazo hai unha startup con enfoque tecnolóxico orientado a mellorar os procesos industriais e de cultivo; unha empresa que vai desenvolver un proxecto que busca ofrecer servizos dende unha perspectiva ambiental responsábel; e tamén unha empresa de mercadotecnia (marketing).
A subvención recibida está destinada ao financiamento da asistencia técnica que ofrecerá servizos de asesoramento e acompañamento ás empresas instaladas no espazo, así como aquelas novas que desexen formar parte do coworking e que conten cun proxecto empresarial en fase de incubación ou preincubación.
As solicitudes para formar parte do espazo Lab Barbanza do Concello de Boiro están abertas e poden facerse presentando a solicitude no Rexistro Xeral do Concello. As bases de participación están dispoñíbeis no regulameno do viveiro de empresas e zona coworking.

Lab Barbanza: dende 2021

O programa de formación e aceleración Emprende-LAB Barbanza impulsado polo Concello e a Deputación, contando tamén coa colaboración da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), comezou a súa andaina en 2021 dando acubillo a 18 emprendedores da comarca.
O centro boirense está situado no Polígono de Espiñeira, propiedade do Concello, e conta con 283 metros cadrados de superficie útil distribuídos en 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para reunións, xestión e presentación de proxectos, así coma aseos e zonas comúns. O inmóbel dispón ademais de xardíns e zona de estacionamento exterior, insonorización, calefacción central de alta eficiencia enerxética, iluminación con LED de baixo consumo, conexión de telefonía e fibra óptica en todos os espazos e accesibilidade total para persoas con mobilidade reducida.
Entre as iniciativas emprendedoras seleccionadas na súa orixe atopábanse Fortem Hub, unha proposta formativa para persoas de colectivos vulnerábeis; Laflora, unha iniciativa para a produción musical e as iniciativas emprendedoras; Orenpay, que desenvolve unha aplicación móbil para o sector hostaleiro que permite ver a carta ou facer un pedido mediante códigos QR; E-commerce, de regalos personalizados, NadadeNada, un proxecto téxtil; Arándanos Barbanza, unha iniciativa de agricultura ecolóxica; Esteos, un proxecto de tecnolóxico baseado no Internet das Cousas para simplificar os procesos produtivos das empresas e minimizar custes; e GastroLab Arousa,
unha escola de cociña cun espazo gastronómico orientado á formación e ás
demostracións culinarias en directo. Tamén participaron Naturalmente, unha proposta de terapias alternativas para o coidado usando produtos naturais; e Fashion School, unha escola de corte e confeccións online.

PUBLICIDADE