O LG Optimus 2X chega coma o primeiro móbil con procesador de dobre núcleo

xoves, 16 de decembro do 2010 Marcus Fernández

LG anuncia oficialmente o móbil que ata o momento coñeciamos coma LG Star, e que agora coñécese coma LG Optimus 2X, que presume de ser o primeiro móbil do mercado con procesador de dobre núcleo, con tecnoloxía nVIDIA Tegra 2 que permite unha maior fluidez en aplicacións e na navegación web, conseguindo un funcionamento multi-tarefa sen retardos en pantalla.
O LG Optimus 2X tamén destaca por contar cunha saída HDMI, de xeito que é capaz de levar contidos de vídeo en alta definición a un televisor moderno, pois este móbil pode tanto reproducir coma gravar vídeo a 1.080p en MPEG-4/H.264.
O terminal funciona cun procesador de dobre núcleo a 1 GHz, ten unha pantalla de 4 polgadas cunha resolución WVGA, 8 Gb de memoria interna (ampliable a 32 Gb a través de tarxetas microSD), micro-USB, batería de 1.500 mAh, cámara de 8 Mpíxeles e outra frontal de 1,3 Mpíxeles. Inicialmente venderase con Android 2.2, pero recibirá en breve unha actualización a Android 2.3.
Poderiamos considerar que o LG Optimus 2X supera en todos os ámbitos ao Nexus S de Google, agás polo feito de que prescinde de tecnoloxía NFC (da que aínda queda moito para atoparlle unha utilidade práctica, polo que non debería ser unha característica decisiva para quen teña que elixir entre ambos móbiles).

PUBLICIDADE