O Instituto Tecnolóxico de Galicia festexou os seus 25 anos

martes, 13 de setembro do 2016 Redacción

Este martes celebrouse o acto conmemorativo do 25º aniversario do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que tivo lugar pola noite no Salón Arao de PALEXCO, ao que acudiron 500 persoas. Segundo fixo saber Antonio Couceiro, presidente do ITG, a institución defínese como unha “fundación sen ánimo de lucro cuxo fin non é outro que incrementar a capacidade competitiva da nosa contorna e contribuír ao progreso económico e social de Galicia, a través da tecnoloxía e a xeración de coñecemento”. E indo ao encontro en cuestión, este inaugurouse coa proxección dun vídeo no que se fixo un percorrido polo pasado e o futuro do Instituto.
A xuntanza contou cunha ampla e plural representación institucional: o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; e o almirante do Arsenal de Ferrol, Francisco Javier Romero Caramelo. Amais de empresarios dos sectores aeronáutico, enerxético, financeiro e do eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
O presidente do ITG, Antonio Couceiro, sinalou que en sociedades avanzadas, como a nosa, un sistema de I+D+i non funcionaría sen organizacións como o ITG. Couceiro fixo un repaso e subliñou que pasaron de introducir o correo electrónico a desenvolver complexos proxectos no ámbito da nanotecnoloxía; de facer as primeiras páxinas web, a deseñar sistemas intelixentes capaces de decidir a resposta dunha gran cidade; de publicar un catálogo de usos da madeira, a liderar o mercado nacional da sustentabilidade na edificación; e de loitar por consolidar a institución a presidir a Federación Española de Centros Tecnolóxicos.
Antonio Couceiro amosouse convencido de que “non será posíbel afrontar os retos da nosa sociedade do benestar sen a necesaria transformación do noso modelo produtivo cara a un modelo intensivo en innovación. Os centros tecnolóxicos serán protagonistas como xeradores de investigación aplicada, transmisores de tecnoloxía e indutores de investimento en I+D, por parte das empresas”.
Ao longo da noite tamén houbo tempo para as homenaxes, aos oito ex-presidentes do Instituto nestes 25 anos: Ángel Monteoliva Ramos (a título póstumo, representado pola súa viúva, Elena Díaz Eimil); José Manuel Rey Pichel, Juan Manuel Páramo Neyra, Ramón Molezún, Alfonso Fariña (tamén a título póstumo, en cuxo nome acudirá a súa filla, Celia); Ángel Fernández Armesto, José Manuel Hermida-Cachalvite e Gabriel López-Companioni.
Engadir que todos recibiron unha escultura do artista coruñés Miguel Couto.
O acto, presentado polo xornalista Pablo Portabales, rematou coas intervencións do presidente da Deputación, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e do alcalde da Coruña seguíndolle un cóctel de peche.

PUBLICIDADE