O Instituto Galego das Cualificacións conta con nova páxina web

venres, 31 de xullo do 2009 Redacción

O Instituto Galego das Cualificacións, dependente da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pon en marcha unha nova páxina web, na que ofertará unha mellor información e onde incluirá datos detallados das distintas ocupacións do tecido produtivo.
O obxectivo é converter esta páxina nun «espazo de referencia» para os profesionais da formación, do emprego e da orientación laboral, así como para toda a poboación activa. O novo proxecto contará tamén cunha mellora técnica e cun manexo máis fácil.
En concreto, as aplicacións permitirán o acceso á información sobre o mercado laboral como contratos rexistrados, paro, afiliacións de traballadores á Seguridade Social, empresas ou ofertas de formación profesional. É preciso destacar que todas estas bases de datos proceden de organismos oficiais, como o Servizo Público de Emprego de Galicia, o estatal e a Tesourería Xeral da Seguridade Social. Ademais, todos estes datos poderanse obter a distintos niveis, isto é, dentro do ámbito autonómico, provincial, comarcal ou local.
Na web poderase atopar distinta información, como os indicadores do mercado laboral , da mobilidade dos traballadores e datos anuais de ocupacións (grupos ocupacionais máis contratados para estudar a tendencia e o grao de temporalidade). Esta información complementarase cunha nova aplicación, a ferramenta denominada a miña profesión que terá como fin servir de orientación sobre as distintas ocupacións do tecido produtivo, das que incluirá datos de paro e contratos, perfís, e a formación asociada coa ocupación en cuestión.

PUBLICIDADE