O ITG adiántase ao futuro regulamento de drons coa solución DroneSuite

xoves, 17 de decembro do 2020 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) desenvolveu unha innovadora solución para facilitar a xestión da actividade de operadores de drons. Unha das novidades que pon en xogo esta ferramenta que o ITG cualifica de pioneira, é o seu carácter previsor, xa que se adianta ao futuro regulamento do sector (a inminente entrada en vigor da nova normativa europea de UAS prevista para o 31 de decembro, que abre a posibilidade de novas actuacións como o transporte ou as operacións remotas ou totalmente autónomas).
Ademais, bota ban da nube para acubillar e aglutinar os recursos e utilidades necesarias para xestionar, operar e administrar os voos con drons, permitindo automatizar tarefas de procesado e xerar resultados de forma eficaz cun alto valor engadido.
Segundo explica o ITG, “grazas á súa funcionalidade avanzada, versatilidade e compatibilidade coa regulación do sector, así como ao procesado avanzado e automático da información, esta ferramenta permitirá aos operadores multiplicar a súa potencial cota de mercado”.
Por certo que a tecnoloxía DroneSuite para a xestión de voos de drons desenvolvida por ITG foi unha das sete soluciones que a Xunta de Galicia seleccionou, a través da aceleradora BFAero, de entre 85 candidaturas presentadas a nivel estatal.
Entre as funcionalidades concretas que contempla esta plataforma atópase un módulo que se encarga da execución da operación; un xestor de frotas, que facilita o control e monitoraxe dos activos e persoal da empresa operadora, como pilotos e drons; o xestor de operacións, pensado para planificar e deseñar en oficina as operacións que levarán a cabo; o procesado de datos, onde se explota a información capturada, analizando e estudando os aspectos necesarios a través das diferentes ferramentas integradas na plataforma; a xeración de informes, presentación gráfica e documental dos resultados analizados e procesados en forma de informes e estatísticas; e un módulo de administración para a realización de diferentes tarefas xenéricas para o operador.
Así, mediante diversas utilidades SW integradas entre si e con servizos de terceiros, DroneSuite permite automatizar tarefas, reducir tempos de posta en voo dos drons, procesado automático da información e xerar resultados de forma eficaz cun alto valor engadido e, con todo iso, aumentar a competitividade e beneficios do operador.

PUBLICIDADE