O IGFAE da USC impulsa un dispositivo portátil e intelixente para a detección automatizada de radon
martes, 22 de xuño do 2021
O
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC
colaborou no deseño e desenvolvemento dun prototipo para a detección
de gas radon en edificacións. Consiste nun pequeno dispositivo
que se conectaría a unha rede sen fíos e que controlaría, de forma
automática, a concentración de radon na súa contorna.
Este
sistema de detección contén no seu interior un sensor de silicio
fabricado no Instituto de Microelectrónica de Barcelona
(IMB-CNM-CSIC). Segundo engade o instituto da Universidade de
Santiago, trátase dun prototipo en fase de estandarizado. É o
resultado do proxecto tecnolóxico CARE, enfocado á fabricación dun
detector intelixente para a monitoraxe do dito gas.
A
iniciativa contou coa participación de dous centros públicos de
investigación, o IGFAE e o IMB- CNM-CSIC, e de catro empresas,
Alivaba Systems, ATI Sistemas SL, Radiansa Consulting SL e Sensing &
Control Systems SL.
O
instituto galego explica que o detector portátil será quen de
proporcionar a medición real e periódica a través da rede sen fíos
á que estea conectado, tendo capacidade para detectar os elementos
radioactivos xerados durante a desintegración do radon a través dun
sensor semicondutor que achega avaliacións do ar con frecuencias
inferiores á media hora. Neste punto, precisamente, radica unha das
principais novidades desta tecnoloxía. Así nolo explica a
investigadora Dolores Cortina, coordinadora do proxecto no IGFAE: “A
maioría dos detectores comerciais o que fan é promediar a
concentración de radon rexistrada nas 24/48 horas precedentes”, e
para remedialo e achegar un seguimento máis constante no tempo “foi
clave a implementación dun algoritmo axeitado ás altas capacidades
do sensor desenvolvido, permitindo combinar rapidez e fiabilidade na
medida”, informa a investigadora, incidindo noutros recursos
aplicados, como un sistema que “permite xestionar a información
proporcionada polo monitor”, así como “un mecanismo intelixente
para actuar sobre unha instalación de ventilación en función das
concentracións de radon medidas”.
O
IGFAE participou activamente no deseño conceptual do sensor e tamén
foi responsábel da realización das probas de calibración e
validación, tanto nas súas instalacións experimentais como en
contornas reais.
Neste
traballo participaron os investigadores José Benlliure, Juan José
Llerena e Dolores Cortina. O seguinte reto, explican, “será
fabricar unha serie limitada de sistemas de detección de radon para
a transferencia comercial do sistema”.