O IES Ramón Menéndez Pidal-Zalaeta acolleu unha xornada de sensibilización de Talentos Inclusivos

venres, 1 de marzo do 2024 S. P.

Este martes 27 de febreiro celebrouse unha xornada de sensibilización do programa Talentos Inclusivos (CITIC) no IES Ramón Menéndez Pidal-Zalaeta, que contou coa participación de representantes de ASPACE Coruña, a directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), Manuel G. Penedo e máis de 30 estudantes de 4º de ESO do centro.
No transcurso da sesión, Fernández Novoa destacou que “Talentos Inclusivos é un programa do que están moi satisfeitos e que seguirán impulsando durante os seguintes anos desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade”. Respecto aos grupos de traballo colaborativos, sinalou que “é unha iniciativa que permite aos alumnos ter un ensino práctico; son capaces de buscar unha solución a un problema que lles permite ver a importancia das pequenas cousas que resolven a vida de moitísimas persoas”.
Durante a xornada, Chon, Dani Ripoll e Toni, usuarios de ASPACE Coruña, explicaron aos asistentes en que consiste Talentos Inclusivos, unha iniciativa que busca espertar vocacións tecnolóxicas entre estudantes preuniversitarios (secundaria, bacharelato e formación profesional) dunha forma práctica, traballando en proxectos tecnolóxicos a través de grupos cooperativos con persoas con discapacidade, en concreto con persoas con parálise cerebral.
No marco do evento o alumnado aproveitou a ocasión para trasladar as súas inquietudes e consultas aos usuarios de ASPACE Coruña e realizaron unha primeira aproximación aos retos que están a poñer en marcha nesta edición, como o deseño dunha boquilla para pintar ou diferentes desenvolvementos en impresión 3D.
As xornadas de sensibilización forman parte das actividades programadas na nova edición de Talentos Inclusivos, que teñen como obxectivo achegar a realidade das persoas con parálise cerebral ao alumnado. Para iso, prográmanse diferentes sesións nos centros educativos nas que usuarios e usuarias de ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP contan en primeira persoa os retos aos que se enfrontan día a día.

PUBLICIDADE