O Goberno concede un millón de euros para impulsar a dixitalización da nosa frota pesqueira

luns, 24 de xaneiro do 2022 S. P.

Este 24 de xaneiro anunciaba o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a resolución das axudas á dixitalización do sector pesqueiro con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, das que Galicia verase beneficiada con 979.045 euros a xeito de 21 subvencións.
Así, a dixitalización do sector pesqueiro extractivo, acuícola, comercializador e transformador é unha das medidas estratéxicas de actuación consideradas no compoñente 3 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que está adicado á transformación ambiental e dixital do sistema agroalimentario e pesqueiro. Cómpre engadir que este compoñente é xestionado polo Ministerio de Agricultura, que convocou as axudas correspondentes ao mesmo o pasado mes de outubro, cun orzamento de 3,8 millóns de euros en dúas liñas.
Deste xeito, a primeira das liñas de axudas estaba encamiñada á adquisición e instalación, por primeira vez, de Sistemas de Seguimento Electrónico Remoto (REM) para o control de desembarque. En canto a Galicia, o Ministerio concedeu 17 axudas en Galicia para barcos de máis de 24 metros de eslora con base na Guarda, Burela, Ribeira, Vigo e San Cibrao. Cada armador percibirá unha axuda que vai dos 13.000 aos 15.000 euros para custear a compra e instalación deste dispositivo. O total ascende a 241.613,76 euros.
A segunda liña estaba dirixida a subvencionar proxectos de mellora de comunicacións, dixitalización do sector extractivo, acuícola, comercializador e transformador. Os potenciais beneficiarios eran as asociacións destes sectores sempre que puxesen os proxectos a disposición de todos os seus asociados.
Neste senso, o Ministerio concedeu catro axudas en Galicia por un importe global de 737.429,63 euros que van para: a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (percibe 126.140,48 euros); a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín (percibe 218.948,83 euros); a Organización de Produtores de Palangreiros Guardeses (recibe 261.790,41 euros) e a Organización de Produtores Pesqueiros da provincia de Lugo (percibe 130.549,91 euros). Nestas axudas a execución do proxecto de dixitalización pode estenderse até 2023.

PUBLICIDADE