O Goberno central traballará cos enxeñeiros no pulo á Sociedade da Información

xoves, 18 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

A día de hoxe, con todo o que se andou en materia de redes, non todo o camiño do dixital é firme. Quedan moitas fochas por encher e un bo número de actividades por impulsar. Algunhas mesmo en sectores tan pouco sospeitosos de ficar descolgados no avance da Sociedade do Coñecemento como é o sector dos enxeñeiros españois. Así o entende precisamente o Instituto da Enxeñería de España, que vén de asinar un acordo coa Secretaría de Estado de Telecomunicacións (Ministerio de Industria) para desenvolver proxectos e accións que fomenten o pulo das redes da información na enxeñería.
Segundo informa o Goberno, o convenio abrangue o aproveitamento mutuo dos recursos e posibilidades de ámbalas dúas institucións a prol da sociedade en xeral, tendo como finalidade establecer unha ligazón xenérica de colaboración para desenvolver accións que contribúan ao impulso das novas tecnoloxías dixitais.
Máis polo miúdo, o Instituto e o Ministerio de Industria levarán a cabo de xeito conxunto (e coa colaboración de outros organismos públicos e privados do eido científico, educativo ou tecnolóxico), cursos, enquisas, congresos, publicacións ou proxectos de investigación que supoñan unha meirande divulgación e emprego da Sociedade do Coñecemento na enxeñería española.

PUBLICIDADE