O FMI, vítima dun ciberataque

luns, 13 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Xuntanza recente dos membros do Fondo Monetario Internacional

Hai ataques informáticos dunha xornada e outros que duran semanas e máis semanas. Entre estes últimos inclúese o recibido polo Fondo Monetario Internacional ao longo dos últimos meses, un ataque que probablemente non fose casual (tendo se cadra relación directa coas moitas revoltas populares contra o sistema que se están a xerar en todo o mundo) e que, segundo conta The New York Times reflectindo fontes oficiais relacionadas co devandito organismo, foi “grave e sofisticado”.
Malia que finalidade e procedencia do ataque non estean aínda claras, o que se si sabe é que o obxectivo eran os servidores do FMI. A cousa non é nova, e xa se tiñan detectado incidencias deste tipo antes, a gran novidade reside en que a ameaza da que se fala estes días houbo máis insistencia e, sobre todo, meirande coñecemento posto en xogo. Cómpre sinalar que sobre as posibles causas do mesmo, barállase tamén que haxa algún tipo de relación coa detención o mes pasado de Dominique Strauss-Kahn, ex director do FMI, por ter abusado sexualmente dunha traballadora dun hotel en Nova York. Segundo avanza a prensa en liña, tamén se cre que detrás destes incidentes poida haber persoas procedentes dunha chea de países, e máis se temos en conta a natureza da información do FMI, que dá acubillo a todo tipo de actividades económicas internacionais, conversas entre líderes e proxectos a curto, medio e longo prazo.
A importancia do ataque foi tal que o Banco Mundial, lindeiro co FMI en Washington, chegou a interromper a ligazón cos computadores do Fondo ao recibir novas do incidente.
Por certo que todo apunta a que a técnica empregada foi o spear phishing, unha estratexia da que é probable que moitos de nós fosemos vítimas e que se apoia na execución dun programa en liña sen o noso coñecemento, pudendo activar este programa unha cadea de descargas coa conseguinte entrada de internautas alleos.

PUBLICIDADE