O Consello da Xunta aproba medidas para progresar na eAdministración e na banda larga en polígonos industriais

xoves, 7 de abril do 2016 Redacción

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, avanzou hoxe a aprobación, por parte do Consello da Xunta, da convocatoria de axudas para despregar redes de 100 Mbps en polígonos industriais e destacou que os cidadáns e as empresas galegas xa poden realizar 3 de cada 4 trámites da Xunta de xeito electrónico.
Contar cunha conexión a Internet da máxima calidade é clave para acceder a moitos dos recursos que ofrece a rede de redes e precisou as axudas para o despregamento de redes de 100 Mbps en polígonos industrias é a primeira actuación do Plan de Banda Larga 2020, que prevé estender redes ultrarrápidas en zonas con alta demanda e que non teñen aínda cobertura.
Esta actuación ten como obxectivo que o 90% da superficie empresarial ocupada en Galicia poida ter acceso a redes de 100 Mbps en ano e medio. Para isto, a Xunta conta cun orzamento de máis de 3,4 millóns de euros ata 2018, cofinanciados nun 75% por fondos FEADER. En todo caso, estímase que se mobilicen en total máis de 5,2 millóns de euros.
Feijoo lembrou que hoxe, dos 164 polígonos industriais de Galicia, só 46 teñen xa acceso a redes de 100 Mbps e outros tres teñen previsto telos. Neste senso, indicou a medida aprobada hoxe oriéntase cara aos 115 restantes.
Con todo, apuntou tamén que, como mínimo, a Xunta busca que as redes ultrarrápidas cheguen a 50 polígonos máis que, sumados cos anteriores 49, suporían case o 90% da superficie empresarial ocupada.
Con respecto aos prazos, neste mesmo ano esperamos que as redes de 100 Mbps cheguen a 13 novos polígonos, a outros 22 en 2017 e, finalmente, a 15 máis en 2018, chegando así aos 50 que nos marcamos como mínimo.

Avances na eAdministración

O Consello da Xunta tamén autorizou hoxe unha orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para incorporar novos procedementos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. En concreto, véñense de revisar case un cento de procedementos da consellería, dándose de baixa 47 por estar obsoletos e incorporándose 48 á sede electrónica.
Así, a partir de agora pasarán a estar preparados para admitir a súa presentación electrónica procedementos tan relevantes como o Rexistro público de demandantes de vivendas; o depósito de fianzas; a autorización de transportes de uso especial; a xestión da renda básica de emancipación; ou os movementos de terras.
A sede electrónica da Xunta xa dispón de 1.140 procedementos accesibles a través da web, e segundo Feijoo, só faltan dúas consellerías por incorporarse á sede electrónica da Xunta e confía en que, aproximadamente no verán, o Goberno galego finalice o Plan Achega, de xeito que a Xunta sexa unha oficina que funciona as 24 horas do día.

PUBLICIDADE