O Congreso XoveTIC 2025 reúne en A Coruña máis dun cento de investigadores emerxentes

xoves, 9 de outubro do 2025 S. P.

Participantes no Congreso XoveTIC
Imaxe de Vanessa Rábade

A Coruña é estes días un fervedoiro de talentos novos en materia de Intelixencia Artificial. Máis dun cento de investigadores e investigadoras emerxentes reuniranse este xoves e venres (9 e 10 de outubro) no CITIC, centro que forma parte da Rede CIGUS, e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña para compartir os avances que marcarán o futuro da tecnoloxía.
Na súa oitava edición, que conta co apoio da Xunta de Galicia, o Congreso XoveTIC consolídase como un punto de encontro de referencia para o talento universitario e os centros de investigación galegos, onde se presentan proxectos que exploran desde o aprendizaxe profundo e o Machine Learning cuántico ata as aplicacións éticas e sostibles da IA.
O inicio da xornada contou coa participación de Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; e Manuel G. Penedo, director do CITIC. Ademais, Diego Álvarez Estévez, investigador do CITIC, impartiu unha conferencia plenaria sobre a traxectoria investigadora de excelencia.

Imaxes de XoveTIC
Imaxe de Vanessa Rábade

As comunicacións orais e pósteres, que se presentarán entre este xoves e o venres no CITIC e na Facultade de Informática da UDC, abranguen unha ampla variedade de temáticas relacionadas coa IA, a ciencia de datos e a computación avanzada. Expóñense traballos sobre aprendizaxe profunda (deep learning) e aprendizaxe máquina cuántica (quantum machine learning) aplicados a ámbitos como a medicina, a bioloxía, a astronomía ou as finanzas. Tamén se presentan desenvolvementos en visión por computador, análise de datos xeorreferenciados e avaliación de estratexias en modelos de linguaxe de gran tamaño, reflectindo a diversidade e actualidade das liñas de investigación no ámbito tecnolóxico.

Segundo explica o CITIC, o bloque importante do programa céntrase na Realidade Estendida (virtual, aumentada e mixta) e no seu uso en educación médica, rehabilitación, cirurxía ou accesibilidade. Destacan proxectos de simulación inmersiva para a formación de profesionais sanitarios, contornas virtuais para persoas con discapacidade e aplicacións educativas baseadas en gamificación. Así mesmo, varias comunicacións abordan cuestións éticas, ambientais e xurídicas asociadas ao desenvolvemento da IA, introducindo a reflexión sobre os denominados “algoritmos verdes” e a toma de decisións responsables en contextos complexos.
Pola súa parte, os pósteres complementan as sesións orais con estudos aplicados e desenvolvementos experimentais en ámbitos moi diversos: predición de incidencias e toxicidade, detección de anomalías en augas, control gandeiro con RFID, seguridade en comunicacións e cadea de bloques (blockchain), predición de enerxía fotovoltaica ou adaptación de videoxogos para persoas con discapacidade.
“En conxunto, as contribucións reflicten unha forte aposta pola interdisciplinariedade, a transferencia tecnolóxica e a aplicación da investigación informática á resolución de problemas reais en saúde, industria, medio ambiente e sociedade”, informa o CITIC.
Premios XoveTIC
Nesta edición concederanse nove premios aos traballos mellor valorados atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade. Os galardóns, patrocinados por diferentes cátedras e entidades colaboradoras, recoñecen as achegas máis destacadas nas súas respectivas áreas.
Entre eles atópanse o Premio Cátedra R, ao máis relevante no ámbito da seguridade, entendida en sentido amplo, tanto en ciberseguridade nas tecnoloxías da información e as comunicacións como en temáticas de seguridade aplicadas a outros ámbitos; o Premio Cátedra Aldaba – WIB (Women, ICT & Business), ao traballo máis relevante liderado como primeira autora por unha muller; o Premio ITG–ARQA, ao traballo máis destacado en tecnoloxía cuántica; o Premio CPEIG, ao mellor traballo con primeiro autor estudante ou titulado en Enxeñaría Informática; os Premios do Clúster TIC, ao mellor póster e á mellor comunicación oral; o Premio Fundación CITIC, ao máis relevante en investigación básica ou teórica; e o Premio Cátedra NTT Data, ao máis destacado no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade.
Unha das novidades desta edición é o Premio do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña – ICACOR, que busca recoñecer as investigacións que integran a perspectiva ética e xurídica no desenvolvemento e aplicación das TIC, un ámbito cada vez máis relevante no debate tecnolóxico e social.