O Concello de Santiago premia o seminario de robótica do IES A Cachada de Boiro, StarCach

venres, 3 de marzo do 2017 Redacción

O Concello de Santiago entregou este xoves os premios da IX edición do certame Educacompostela, unha iniciativa coa que se quixeron recoñecer os traballos das nosas comunidades educativas a prol dunha educación máis innovadora, igualitaria e integradora. O xurado salientou “a alta calidade de todos os traballos presentados, así como as diferentes temáticas que se propuxeron”. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, destacou “a alta participación” nesta edición e felicitou non só ás persoas premiadas, senón tamén a todos e todas as participantes. O primeiro premio foi para unha iniciativa de marcado compoñente TIC: unha proposta innovadora achegada polo IES A Cachada de Boiro que salientou polos referentes tecnolóxicos que asenta. Trátase de StarCach.
O xurado valorou positivamente StarCach “pola temática que trata e pola diversidade de recursos educativos que propón”, amais de pola solidez e polo grao de implicación do alumnado no seu desenvolvemento. Tamén se tiveron moi en conta os recursos que pon en xogo para loitar conta fenda de xénero no contexto dixital. O xurado destacou tamén “as respostas que ofrece o material para promover o uso e difusión da lingua galega a través dos videoxogos, a robótica e os medios audiovisuais, así como a utilización das redes sociais con fins creativos”.
Como lembraremos, StarCach é o seminario transversal de audiovisual e robótica desenvolvido e coordinado polo Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Cachada, no que traballan profesores de varios departamentos e medio centenar de alumnos.
Pola súa banda, o traballo Ser docente a través da arte, presentado polo colectivo E.S.G.A.Z.A.D.O.S, levou o segundo premio do certame. Os gañadores e gañadoras son Vicente Blanco Mosquera, Salvador Cidrás Robles e Rocío Modia Vázquez. Este proxecto foi destacado polos membros do xurado “pola súa orixinalidade, polo esforzo por crear pontes entre a práctica docente e a creación artística e polo convite que propón ao pensamento crítico”.
Finalmente, o terceiro premio recaeu sobre o traballo titulado Dimenome, presentado por Silvia López Gómez. Neste caso, o xurado quixo enxalzar o “coidado deseño do material, que ademais se presenta dende unha perspectiva pedagóxica”. A proposta, engadiuse, “achega numerosas posibilidades de traballar en diversos contextos e públicos diversos, así como o seu carácter manipulativo”.
A mención especial foi para o traballo Vivenciando a Idade Media. Unha viaxe dende os xéneros dialogados medievais á regueifa, presentado por Tania Vázquez García. Este traballo foi destacado “pola orixinalidade e innovación á hora de tratar a Idade Media na etapa de Bacharelato da materia de Lingua e Literatura Galega”.



PUBLICIDADE