O Concello de Cee convoca nova edición dos seus cursos na Rede

martes, 18 de outubro do 2016 Redacción

A convocatoria da II edición do ciclo de cursos Concello de Cee na Rede, organizados pola Concellería de Presidencia, Benestar Social, Igualdade e Emprego (dirixida por Pilar Iglesias), xa está aberta. A finalidade destes cursos é achegar á poboación os coñecementos básicos no uso da Rede e amosar as vantaxes que pode ter o uso da tecnoloxía en situacións cotiás.
Desta volta, os obradoiros virán marcados polo tipo de poboación á que se dirixen e polos seus coñecementos previos no uso de Internet. Dito doutro xeito: haberá formación encamiñada ao público xeral non iniciado, mais tamén a desempregados que non coñecen o manexo da Rede nin o que pode supor de cara á súa busca de emprego.
En canto ás persoas maiores, logo do éxito acadado na edición anterior, este ano tamén haberá un curso de iniciación específico para eles no que se pretenderá acadar un bo desenvolvemento co computador realizando buscas en Internet e cun achegamento ao uso do correo electrónico e ás redes sociais. A xeito de novidade, aqueles que xa se desenvolven mellor terán a oportunidade de seguir aprendendo e avanzando no seus coñecementos (uso do smartphone e as súas posibilidades, etc).
Os interesados en asistir aos cursos deberán apuntarse nas Oficinas de Orientación Laboral do Concello de Cee até que se completen o número de prazas dispoñíbeis.

PUBLICIDADE