O Concello de Brión levará ás casas dos escolares os equipos informáticos precisos para a súa formación

mércores, 22 de abril do 2020 S. P.

O Concello de Brión, en colaboración coas direccións dos distintos centros de ensino do municipio, vai repartir a domicilio o material escolar do terceiro trimestre e máis un lote de computadores entre o alumnado do municipio, co obxectivo de permitir integralmente a teleformación nos fogares locais e, tamén, evitar ao máximo a discriminación dixital por falta de recursos, conectividade ou mesmo formación.
Trátase dunha iniciativa posta en marcha polos departamentos de Cultura e Servizos Sociais de Brión, en coordinación coas direccións dos centros de ensino brioneses.
A concelleira de Ensino, Sandy Cebral, explica que “nestes momentos estamos recollendo nos centros educativos os equipos informáticos e o material escolar que será repartido polas casas de todo o concello por persoal municipal dos departamentos de Cultura, Deportes, Música e Novas Tecnoloxías”. Así mesmo, destaca que “seguiremos mantendo o contacto coas direccións dos diferentes centros de ensino deste concello para axudalos en calquera cousa que poidan necesitar”.

PUBLICIDADE