O Colexio de Médicos da Coruña coñece o potencial do CITIC para transformar a atención aos pacientes

mércores, 28 de setembro do 2022 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC (Campus de Elviña) recibiu a visita do equipo directivo do Colexio de Médicos da Coruña, con vistas a coñecer as posibilidades que ofrece o novo laboratorio de robótica e a Realidade Virtual na atención aos pacientes, na toma de decisións e nos diagnósticos por imaxe. Na visita participaron o director, Manuel G. Penedo, e o subdirector do CITIC, Javier Pereira. No encontro púxose o foco en mostrar como a tecnoloxía inmersiva pode revolucionar as diferentes actuacións sanitarias.
Da man do subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, os representantes do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña tiveron a oportunidade de asistir a unha demostración en directo de escenarios virtuais e do novo sistema de captura do movemento e sensórica que permitirá crear espazos virtuais dinámicos con retroalimentación dos valores de saúde de cada paciente.
Javier Pereira salientou o feito de que “as tecnoloxías dixitais avanzadas como a Intelixencia Artificial ou a análise masiva de datos, teñen o potencial de transformar o sistema sanitario en diferentes aspectos, tanto nos relativos á actividade diaria dos profesionais da saúde e a súa relación cos pacientes como os referidos á anticipación de riscos, maior precisión nos tratamentos médicos ou desenvolvemento da investigación”.
Transferencia
Transferir resultados da investigación á sociedade é un dos obxectivos vertebrais do CITIC en todas as súas áreas de traballo. O binomio TIC e saúde permite ao centro de investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) e ao colexio profesional sentar as bases para desenvolver conxuntamente proxectos, programas e solucións tecnolóxicas dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas. Así mesmo, constitúe unha alianza que amplifica o e permite concorrer a convocatorias e a fondos europeos, como o PERTE de saúde, que dean cobertura integral a este tipo de accións.

PUBLICIDADE