O Clúster da Auga e Política Lingüística presentan unha completa app sobre os nosos tesouros acuíferos
xoves, 19 de setembro do 2019
Hoxe
presentouse en Ourense unha aplicación para móbiles en galego sobre
a nosa inxente riqueza acuífera e a necesidade non só de protexela
senón tamén de mostrala ao mundo e tirar proveito dela dun xeito
sustentábel e racional. A ferramenta foi dada a coñecer no
salón Termatalia, 19 edición, polo Clúster
da Auga Mineral e Termal de Galicia e a Secretaría
Xeral de Política Lingüística, colaboradora da iniciativa
tecnolóxica. Na presentación participaron Benigno Amor e máis
Valentín García, responsábeis das devanditas dúas entidades,
respectivamente.
Amor
fixo saber que a aplicación está dirixida “á valoración e
protección dos acuíferos das augas minerais de Galicia” e que se
trata dunha ferramenta moi axeitada para xeolocalizar os perímetros
de protección dos diferentes acuíferos de augas minerais que
existen na Comunidade, “de grande interese para planificadores do
territorio e para as Administracións Públicas”, dixo, engadindo
que a app posibilita recibir información diversa sobre os
titulares da concesión do acuífero ou mesmo obter indicacións de
como chegar aos mesmos, entre outras posibilidades. Amor tamén puxo
o foco noutro dos obxectivos fundamentais desta contribución
tecnolóxica: sensibilizar ás administracións, ás empresas, aos
planificadores urbanísticos e á cidadanía sobre “a importancia
de protexer os acuíferos de augas minerais e a contorna natural na
que se sitúan as plantas envasadoras e os establecementos
balnearios” .
Na
presentación, como dixemos, tamén participou o secretario xeral de
Política Lingüística, Valentín García, quen lembrou que “a
auga é unha das riquezas máis grandes que pode ter un territorio, e
no noso caso, o caso galego, é moito máis que un elemento natural,
moito máis que un recurso; é un elemento cultural, de consumo, de
lecer e un polo de atracción turística”. O secretario xeral tamén
enxalzou os esforzos do clúster por situar a nosa auga nas novas
plataformas, e por facelo, tamén, en galego: “A auga ten que estar
tamén nos circuítos comerciais na nosa lingua, é importante que
vaian sempre collidas da man”.