O CiTIUS traerá a Santiago a algúns dos principais expertos estatais en Big Data

mércores, 22 de maio do 2013 Redacción

Entre os días 16 e 19 de xullo desenvolverase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) o curso de verán Big Data & Data Science, organizado polo CiTIUS e dirixido polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela adscritos ao devandito centro Tomás Fernández Pena e José Ramón Ríos Viqueira. A actividade formativa, informa o centro CiTIUS da USC, artéllase nunha serie de conferencias, mesas redondas e obradoiros para abordar o presente e o futuro dos sistemas e estruturas destinados a acubillar inxentes cantidades de información científica. Ao longo dos catro días de curso, especialistas de renome internacional debaterán sobre esta temática, tratando as liñas de investigación emerxentes e os ámbitos de aplicación máis salientábeis, engade o CiTIUS.
Máis polo miúdo, afondarán nos retos aos que nos enfrontamos perante unha cada vez máis imparábel Sociedade da Información (co coñecemento potencialmente dispoñíbel demandando mellores e máis eficaces acubillos e recursos de xestión e acceso). A conferencia inaugural correrá a cargo de Roi Blanco, de Yahoo!Labs e abordará o presente e o futuro do Big Data & Data Science.
Outros relatorios salientábeis serían, en palabras do CiTIUS, os impartidos por Hugo Zaragoza, da empresa Web Says, que falará sobre os desafíos que presenta a análise da información asociada á Internet social; Diego López de Ipiña, da Universidade de Deusto, que amosará algunhas solucións do novo paradigma Non-SQL para o acceso eficiente a grandes cantidades de datos non estruturados; Jorge Amigo, do Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago, que exporá os retos vinculados á análise da información que se está a xerar no ámbito da Bioinformática; Fernando Cucchietti, do Centro de Supercomputación de Barcelona, que describirá os desafíos que implica a visualización de información no universo do Big Data (BD), ou Miquel Sànchez-Marrè que elucidará as técnicas de análise intelixente de datos e a súa relación con esta tecnoloxía.

PUBLICIDADE