O Centro Demostrador TIC de Galicia dará visibilidade ao noso software libre empresarial

luns, 27 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Fachada do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

A semana comezou con intensa actividade tecnolóxico-dixital no barrio de Conxo de Santiago, xusto na contorna onde tamén se empraza, casualidades da vida, a redacción de Código Cero. Pois ben, malia levar xa unha chea de tempo en activo, dando acubillo a todo tipo de accións divulgativas e formativas sobre o fenómeno dixital, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) situado na devandita parroquia santiaguesa adquiriu co comezo desta semana un novo pulo e, por dicilo de algunha maneira, unha segunda vida. Isto vai ser posible grazas ao Centro Demostrador TIC que se puxo en marcha este luns, oficialmente, nas súas dependencias, un espazo de investigación inaugurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destinado á promoción dos nosos programas e, tamén, “como escaparate dos produtos do sector do software libre en Galicia, que xa factura preto de 20 millóns de euros ao ano”.
Así se expresou a asociación AGASOL, unha vella coñecida do CNTG (onde soe dar conta das moitas vantaxes das ferramentas abertas para as nosas empresas) que este luns 27 volveu tomar a palabra para recordarnos algo que nos convén: o software libre é máis barato, máis adaptable ás nosas necesidades, contribúe a unha meirande estandarización e usabilidade informática e, tamén, pode xerar máis riqueza no subsector do deseño e desenvolvemento informático.
Co fin de subliñar todos estes argumentos e darlles corpo, AGASOL complementou a inauguración oficial do Centro Demostrador, precisamente, cunha demostración. Nela, fíxose fincapé na utilidade de varias aplicacións desenvolvidas sobre software libre, “e por iso exentas do pago de licenzas”, cousa a ter en moi en conta nestes tempos en que non sempre se pode obter, nun único paso, aforro e competitividade dunha soa tacada. Na apertura deste espazo de traballos virtuais e divulgación tamén participou, como dixemos, Alberto Núñez Feijoo, quen salientou a amplitude de posibilidades que se abre co novo centro e (tamén) con esta aposta a prol do software libre que abrolla nodo mesmo centro.
Á cita tamén acudiron profesionais e empresarios dos máis variados sectores, que puideron dar conta dos beneficios de programas como por exemplo OpenBravo, un sistema de información xerencial mediante o que se pode manexar toda a información que xera unha empresa. Tamén se fixo fincapé no Open Pos, unha ferramenta feita para xestionar puntos de venda e que serviu de pretexto para unha interesante demostración, unha toma de contacto na que quedaron claras as moitas posibilidades que lles ofrece aos negocios hostaleiros de calquera índole, entre outros moitos.
O Centro de Demostración, dependente da Consellería de Traballo, operará como un centro formativo ligado ao LPI, que é a entidade sen arela de lucro que certifica aos profesionais do sistema operativo libre Linux. “Configúrase ademais”, engade AGASOL, “non só como centro formativo senón como ponte para unha colaboración estable entre Administración e empresa e escaparate de produtos e desenvolvementos”. Informar que AGASOL, a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, agrupa ás 30 principais compañías do sector do software libre en Galicia, que dan emprego a máis de 300 persoas e facturan preto de 20 millóns de euros ao ano.

PUBLICIDADE