O Carballo Interplay remata a súa VI edición entregando premios ás mellores webseries
domingo, 7 de abril do 2019
A sexta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo
Interplay, que converteu durante unha semana a vila coruñesa na capital da
cultura dixital global, pechou o pano a noite do sábado coa gala de entrega de premios
ás mellores webseries dun concurso pioneiro que xa é todo un referente e
que este ano recibiu máis de 200 propostas de todo o mundo. Nosaltres e Gente Hablando, dúas series con toques dramáticos
que se afastan do canon cómico habitual, conquistaron tanto ao público como ao
xurado do festival, composto por Manuel Bartual, Christian Flores, Natalia
Flores, Marta Piñeiro e Daniel D. García.
Nosaltres fíxose
co premio á mellor serie estatal e cos de mellor dirección, para María
Medinilla e Roger Grau, e mellor actriz, para Paula Jornet. Esta webserie,
que aborda en capítulos duns 10 minutos de duración temas capitais para a
mocidade como o acoso, a relación coa familia, a amizade, o racismo ou as redes
sociais, non só pretende entreter e crear un vínculo coa historia senón que
persegue un obxectivo claramente
pedagóxico, polo que está realizada coa supervisión de profesores de
secundaria e bacharelato. Prodúcea a Fundación Montblanc, con financiamento da
plataforma de ocio Atrápalo Social, e os
capítulos poden verse na páxina web da Fundació Montblanc, onde tamén se
poden descargar unidades didácticas que buscan fomentar o diálogo e o debate en
clase.
Gente
Hablando, que recolleu o premio do público, unha mención especial
do xurado e os premios ao guión, para Álvaro Carmona, e ao mellor actor,
para Ramón Barea, é unha serie de autor na súa formulación, guión e dirección
producida por Flooxer, a plataforma de contidos dixitais de Atresmedia. Cada
episodio de 10 minutos inclúe unha conversa entre dúas persoas, sempre
distintas, tentando parecer naturais. No reparto, destacan nomes como Miki
Esparbé, Verónica Echegui, Juanra Bonet, Manuel Burque, Marian Hernández,
Rosario Pardo, Celia de Molina, Ramón Aguirre ou os propios Ramón Barea e
Álvaro Carmona.
O premio á mellor serie internacional foi para a
comedia arxentina Tarde baby, no que Malena
Pichot e Charo López retratan un futuro post-apocalíptico no que tentan
sobrevivir a base de alfajores
caducados, venerando á tenista Gabriela Sabatini e falando de temas
intranscendentes ata que se decatan que, no medio deste caos, existe un paraíso
feminista. Pichot e López recolleron o premio despois de conquistar o venres
pola noite ao público que ateigou o auditorio do Pazo de Cultura de Carballo co
seu espectáculo de humor feminista.
O premio á mellor serie en versión orixinal en galego acadouno
o videoblog As cousas do
choio, protagonizada por Juan O Choio, un octoxenario do rural e
mariñeiro de toda a vida que se convirte en youtubeiro
e ofrece, dende o seu alpendre, consellos de supervivencia en clave de humor a
todos aqueles que queiran aprender da súa sabedoría.
O xurado quixo, tamén,
facer unha mención especial para o documental Cativos
na cociña, que ofrece os produtos e receitas da Galicia enxebre a
través da ollada dun cativo.
O xurado novo, composto por Carlota Añón Varela, Uxía
García Jiménez e Sandra Romero García decidiu pola súa banda outorgar o seu
premio á segunda temporada da comedia musical Mambo, de David
Sainz, que tamén se fixo co premio á mellor campaña de difusión en liña.
Mentres que o premio ao mellor Dinosaurio foi
para Beti, de Séver Producciones.