O Campus de Pontevedra e o SERGAS investigarán nas vantaxes da saúde electrónica

xoves, 19 de xaneiro do 2017 Redacción

A saúde electrónica é o futuro e dende o campus de Pontevedra toman boa nota disto e póñense mans á obra, pois un grupo de investigadores do Observatorio de Gobernanza G3 (Área de Ciencia Política e Administración da Universidade de Vigo), co apoio do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) do SERGAS (Servizo Galego de Saúde), levan a cabo un estudo da saúde dende unha perspectiva do goberno e da Administración Electrónica (eAdministración).
Emporiso, logo da primeira reunión deste proxecto (titulado: E-Saúde en área de xestión integrada), irase establecendo unha axenda de traballo para abranguer investigacións de dirección e xestión sanitaria e de saúde arredor de cinco eixos claves: a e-Health ou saúde electrónica, as políticas públicas xeradas ao seu redor, o uso das TIC na contorna sanitaria, casos e boas prácticas en Áreas Integradas de Saúde e os doentes crónicos menores de 40 anos (e-young chronics).
E ollando cara adiante, nun contexto de cinco anos, os profesores doutores da Universidade de Vigo Enrique José Varela Álvarez, Xosé María Mahou e Óscar Briones traballarán cos profesionais da Unidade de Calidade (UCAL) da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra-Salnés, Modesto Martínez, Ismael Said, José Antonio Esperón e José Antonio Losada.
Engadir que en colaboración co programa do Máster Universitario on-line en Dirección Pública e Liderado Institucional, desenvolveranse outras canles de estudo de cara a mellorar a comprensión do problema da saúde en Galicia.

PUBLICIDADE