O CPETIG achéganos en setembro á figura do profesional que vela polos datos, o DPO

luns, 20 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai rematar o verán con enerxía e folgos renovados. Por unha banda vainos achegar ás metodoloxías máis eficaces e rendíbeis para a realización de proxectos, da man do congreso #SilverBullet18, do que falamos en detalle dende a web de Código Cero. Pola outra, vai organizar un curso especializado sobre a figura do Delegado de Protección de Datos, o DPO, en colaboración coa axencia AMTEGA. A actividade desenvolverase na Cidade da Cultura en dúas fins de semana consecutivas do vindeiro mes de setembro.
O curso, de 20 horas de duración, celebrarase os días 7, 8, 14 e 15 en horario de tarde para as sesións dos venres e de mañá para as sesións dos sábados. Impartido por profesionais do Centro de Formación de AENOR, os contidos estarán centrados nos fundamentos e principios da nova regulamentación de protección de datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas dos responsábeis do tratamento de datos e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do Delegado de Protección de Datos, DPO, nas autoridades de control e no réxime sancionador.
Segundo o CPETIG, esta formación vai dirixida principalmente a persoas que teñan entre os seus cometidos velar pola seguridade e o cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.
O colexio quere achegar, con este obradoiro, unha visión xeral da normativa europea en salvagarda da información, incidindo en aspectos prácticos para as entidades. Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo.

PUBLICIDADE