O CPETIG achega a partir do venres unha formación intensiva sobre a ciberseguridade e os seus marcos normativos (ENS)

martes, 30 de maio do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) organiza esta semana, a partir do venres, unha actividade formativa que bota luz sobre a implantación do Esquema Nacional de Seguridade (ENS) da información. O obradoiro, en palabras do CPETIG “unha formación de gran interese para os eidos da seguridade, a xestión e a administración dos datos”, constitúe unha das accións destacadas do ente colexial dentro do convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Trátase dun obradoiro intensivo de 12 horas de duración a desenvolver en modalidade online cunha extensión de 4 sesións a celebrar durante dúas fins de semana consecutivas: venres 2 (de 17 a 20 horas), sábado 3 (de 10 a 13 horas), venres 9 (de 17 a 20 horas) e sábado 10 de xuño (de 10.30 a 13.30 horas). Está aberto á participación de calquera persoa ou representante do sector público ou privado, e especialmente enfocado a perfís de delegados de protección de datos, responsables de seguridade e administradores de sistemas, con independencia do grao de coñecemento previo sobre a materia a tratar.
Os principais obxectivos de formación aos que se dará resposta con estes contidos serán “coñecer os sistemas de xestión da seguridade da información e os marcos normativos, a análise de riscos derivados da implantación dun sistema de xestión da seguridade, a categorización dos sistemas e a selección de medidas de seguridade idóneas ou a elaboración de procedementos, normativas e protocolos”, explicaron fontes do CPETIG.
Esta formación será impartida por un equipo multidisciplinar de docentes que proveñen de especialidades da confluencia entre os eidos xurídico e tecnolóxico: Lucía Arias (Management, Governance- IT Advisor en Govertis Advisory Services, S.L.), David Barrientos Arboleya (DPD Certificado. Security & GRC Advisor en GOVERTIS Advisory Services S.L.) e Amparo Romero (Consultora GRC en Govertis – Telefónica Tech).
O programa formativo estrutúrase en 3 grandes bloques: Introdución e conceptos xerais do Esquema Nacional de Seguridade; Plan de implantación do ENS e Revisión do SGSI e mellora continua. En todos os módulos haberá casos prácticos para complementar e afondar nos conceptos traballados.
Prezo, descontos e rexistro
O importe do curso formativo para o público en xeral é de 400 euros. Os colexiados do CPETIG beneficiaranse dun desconto para membros do 90%, a través dun código que proporcionará o propio colexio. Do mesmo xeito, existen bonificacións para os precolexiados e para os colexiados de Enxeñaría Técnica e Enxeñaria en Informática (deberán de consultar as condicións nos seus respectivos colexios).
O CPETIG ten habilitada xa unha vía de rexistro no curso.

PUBLICIDADE