O CPEIG fallou esta semana os seus premios, que entregaranse na Terceira Noite da Enxeñaría en Informática

mércores, 26 de outubro do 2011 Redacción

Daniel Fernández Núñez recibirá o vindeiro venres un galardón polo seu Proxecto Fin de Carreira

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou esta semana os seus premios Fin de Carreira e Comunicación Informática. A entrega dos premios terá lugar o vindeiro venres, día 28 de outubro, no transcurso da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática, na que o interese común da defensa da Informática reunirá unhas 300 persoas no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, relacionadas co sector TIC.
Daniel Fernández Núñez, orixinario do Barco de Valdeorras, resultou gañador da segunda convocatoria do Premio Proxecto Fin de Carreira, polo seu traballo Deseño e Implementación dun MOM (Message Oriented Middleware) Escalable en Java para Aplicacións Financeiras.
Daniel Fernández Núñez, formado na UDC, acadou a máxima cualificación, un 10, na convocatoria de setembro de 2011. O traballo premiado está sendo obxecto dun proxecto de valorización comercial e transferencia de tecnoloxía a nivel internacional nun ámbito no que este tipo de proxectos se valora en máis de un millón de euros, “o que pon de manifesto a madureza e a proximidade ao mercado desta solución”, segundo destaca o premiado. Aínda que varias multinacionais TIC manifestaron o seu interese en adquirir esta tecnoloxía, a decisión final foi apostar pola maduración do proxecto en Galicia, inicialmente no seo da propia UDC.
Como xurado da modalidade Proxecto Fin de Carreira actuaron: Alberto Valderruten Vidal, decano da Facultade de Informática da Coruña; María José Carreira Nouche, subdirectora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; Enrique Barreiro Alonso, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; Francisco Bago Castro, vogal do CPEIG e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG.
Na modalidade Comunicación Informática resultou gañador o diario electrónico Código Cero, que dirixe Xosé María Fernández Pazo, polo seu “intenso e rigoroso labor informativo a prol do sector TIC e da Enxeñaría en Informática en concreto”. Foron xurado desta modalidade: Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Hernán Vila, vicepresidente do CPEIG; Francisco Bago, vogal do CPEIG, e o presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo.

PUBLICIDADE