O CPEIG convoca o II Premio Proxecto Fin de Carreira

venres, 24 de xuño do 2011 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), un dos máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados (que a día de hoxe son máis de 300), vén de convocar a segunda edición do seu Premio Proxecto Fin de Carreira, que concede 1.000 euros en metálico ao gañador ou gañadora.
O galardón, que o ente colexial organiza para achegarse ao colectivo estudantil e incentivar o seu esforzo, vai dirixido a estudantes de Enxeñaría en Informática de calquera das universidades galegas, que realizaran os seus proxectos fin de carreira nos últimos dous anos (2010 ou 2011).
Para optar a este premio, as persoas interesadas deberán enviar os seus proxectos a informacion@cpeig.org antes do 15 de setembro. Para daquela, unha comisión experta, integrada por docentes universitarios e representantes do CEPIG, valorará os traballos recibidos e seleccionará o gañador, que dará a coñecer durante a gala da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, no mes de outubro.

PUBLICIDADE