O CNTG duplicará a súa oferta formativa

martes, 12 de setembro do 2023 Redacción

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presidiu este mediodía o acto de presentación da oferta formativa 2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), unha entidade «de prestixio» na aportación de talento de calidade ao sector TIC, salientando que se duplicarán os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas (2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Para materializalo, o orzamento case que se cuadriplicará, acadando os 2 millóns de euros.
Na súa intervención, a conselleira salientou o papel fundamental do CNTG á hora de formar non só persoas traballadoras, senón tamén desempregadas que buscan unha oportunidade nas TIC, «un sector cambiante, en constante evolución», de relevancia internacional. Así, sinalou que «13.000 persoas do sector son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009», 619 delas (pertencentes a 200 empresas) o ano pasado.
Para o período 2023/2024 aumentarase a variedade de propostas para dar resposta á formación requirida nas tecnoloxías máis demandadas para adaptarse ás necesidades en eidos como a ciberseguridade, as solucións na nube, a ciencia de datos ou a intelixencia artificial.

PUBLICIDADE