O CITIC traballa nun proxecto liderado por Telefónica para mellorar o diagnóstico oftalmolóxico

venres, 26 de marzo do 2021 Redacción

Os investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, Marcos Ortega e Jorge Novo, participan no proxecto Ocuexplorer 5G, no que teñen parte activa o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Profesor Fernández Vigo (CIOA), Telefónica, Nokia e Idronia, xunto co grupo de investigadores do CITIC.
No marco deste proxecto, conseguiuse desenvolver un servizo de teleoftalmoloxía que constitúe unha ferramenta de asistencia ao persoal de oftalmoloxía baseado en novas tecnoloxías ópticas, técnicas de telecontrol, comunicacións 5G e Intelixencia Artificial para colaborar na prevención e diagnóstico de enfermidades oculares.
Segundo informa o CITIC, en base a esta iniciativa “Coruña será o punto dende o que se despregará un centro de edge computing que aloxará a capacidade de cómputo necesaria para o diagnóstico e permitirá o telecontrol do robot por parte dun especialista en remoto”.
O proxecto Ocuexplorer 5G facilita o acceso a toda a poboación dun servizo avanzado de coidado oftalmolóxico, especialmente interesante nestes momento de pandemia.
Este dispositivo tamén permite ofrecer ao persoal de oftalmoloxía unha ferramenta que mellora a súa eficiencia.
Os investigadores do CITIC foron os encargados de desenvolver o software de Intelixencia Artificial capaz de analizar retinografías e identificar potenciais riscos de patoloxías oculares. Segundo indican, “o sistema permite realizar un cribado de cantidades masivas de información e notificar ao oftalmólogo cada vez que se identifique unha retinografía con parámetros fóra da normalidade, para que sexa examinada de forma axeitada”.
O investigador Marcos Ortega sinalou que “este proxecto é unha mostra do potencial que ten a Intelixencia Artificial para ser útil na sociedade”. Así, afirmou que “é unha satisfacción contribuír para que o CITIC sexa un actor de referencia nacional neste eido”.
Ocuexplorer 5G é un dos promovidos polo Goberno a través dunha convocatoria pública de axudas cun orzamento o agregado de máis de 36 millóns de euros, dos que máis de 10 millóns serán co-financiados pola Entidade Pública Empresarial Red.es a través dos fondos FEDER da UE.

PUBLICIDADE