O CITIC traballa nun innovador modelo de vixilancia en interiores con drons autónomos
martes, 11 de abril do 2017
Investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da
Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña
(UDC), en consorcio coas empresas Prosegur, Avansig, EGATEL,
Aeromedia e o Centro Tecnolóxico Gradiant, veñen de desenvolver un
innovador modelo de vídeo vixilancia en interiores mediante o
emprego de drons autónomos baseados en visión artificial 3D. O
proxecto SINDA
(Sistema de Seguridade en Interiores con Drons Autónomos),
financiado ao abeiro da convocatoria Innterconecta 2015, baséase nun
novo modelo de vixilancia, evolución dos servizos tradicionais de
domótica e vídeo vixilancia.
O dito mecanismo emprega drons con capacidade para realizar roldas de
vixilancia desatendidas no interior dos edificios e será o primeiro
introducido no mercado con esta innovadora funcionalidade. Até a
data, todas as solucións desenvolvidas baseáronse na aplicación de
drons para uso en exteriores.
O dron, de xeito autónomo, parte dunha base de carga que lle achega
enerxía abonda para os seus voos e roldas de vixilancia. Durante
esta actividade, grava, transmite e procesa vídeo en tempo real e
mediante técnicas de visión artificial é capaz de detectar
atrancos e responder fronte a eles.
Carlos Escudero e Adriana Dapena investigadores da área Tecnolóxica
de Computación, Sensórica e Comunicacións achegan innovación ao
proxecto dende dúas das liñas de investigación do CITIC. Carlos
Escudero é o responsábel dunha das liñas, o sistema de
posicionamento, que substitúe a ausencia do GPS en sitios onde non
hai cobertura e/ou este non proporciona precisión abonda, quen
salienta: “Un dron que poida funcionar de maneira autónoma mesmo
en interiores, será unha ferramenta fundamental para moitas das
aplicacións que as empresas xa están a comezar a demandar”.
A outra liña de investigación neste proxecto, liderada por Adriana
Dapena, é a relacionada co streaming en tempo real. “O
traballo desenvolvido -argumenta Dapena- permitirá ao usuario
utilizar calquera dispositivo (móbil, tableta, etc.) para observar o
que está a ocorrer en calquera punto da zona a controlar”.
O proxecto está apoiado polos máis de corenta anos de experiencia
no sector da seguridade de Prosegur, empresa líder e impulsora desta
idea. Prosegur achega avances tecnolóxicos do ámbito da seguridade
e favorece a aplicación práctica dos sistemas desenvolvidos. Para
José M. Caride, director de tecnoloxía e solucións integrais de
seguridade en Prosegur, “a incorporación de distintos avances
tecnolóxicos e a súa combinación cos profesionais mellor
cualificados do sector dan como resultado un proxecto punteiro e
innovador no sector, sen renunciar aos maiores niveis de seguridade
para os nosos clientes”.
Se falamos do software que dota de intelixencia aos drons
(posicionamento, navegación e control do dron) e da integración dos
diferentes desenvolvementos do proxecto, a responsábel é a empresa
galega Avansig, impulsora do proxecto conxuntamente con Prosegur.
David Trillo, o seu firector executivo, subliña: “Grazas a SINDA,
as empresas e centros tecnolóxicos involucrados (Avansig, Prosegur,
EGATEL, Aeromedia, CITIC e Gradiant) situámonos á vangarda no
segmento do Micro AV intelixentes (...) acadando un nivel de madurez
da tecnoloxía que nos empraza entre os líderes do sector do mercado
a nivel mundial”.
Todos os axentes implicados no proxecto coinciden en que a vixilancia
baseada en drons está aquí para ficar, xa que a capacidade que
teñen de desprazamento autónomo permite observar o que acontece en
calquera punto, chegando moito máis alá dos sistemas baseados en
cámaras fixas.
As tecnoloxías desenvolvidas para dar resposta a retos como a
localización de interiores, visión artificial, sistemas eficientes
de transmisión de vídeo, carga autónoma converteranse na base de
moitas investigacións. De feito, a tecnoloxía que o CITIC está a
desenvolver, e achegando ao proxecto SINDA, xa se está comezando a
incorporar a outros proxectos en eidos tan diversos como a robótica,
a industria 4.0 ou a loxística.