O CITIC participou na Maker Faire Galicia con diversas iniciativas e obtivo un premio na xornada de industria

xoves, 8 de xuño do 2023 S. P.

Entre os días 1 e 4 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela unha nova edición da Maker Faire Galicia, feira internacional de inventores de ámbitos tan diversos como a arte, os videoxogos, a Intelixencia Artificial ou a biotecnoloxía, e un dos grandes protagonista, amais da cada vez máis creativa e participa comunicade maker galega, foi o Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC).
O CITIC é unha das entidades que apoia esta iniciativa e contouse coa presenza de persoal investigador do centro durante todas as xornadas da feira. O xoves desenvolveuse a xornada da industria, cunha presentación de Amparo Alonso sobre dilemas éticos da Intelixencia Artificial. Ademais, o CITIC estivo presente nunha caseta expositora co proxecto Emprego de contornas virtuais para o traballo de habilidades físicas e cognitivas en poboación maior e persoas con diversidade funcional, desenvolvido polo investigador Manuel Lagos. Este proxecto tamén foi presentado durante a xornada, obtendo o terceiro premio dos proxectos presentados na categoría de industria.
O venres, dedicado á xornada educativa, o CITIC estivo presente co proxecto Talentos inclusivos, mostrando algunhas das solucións desenvolvidas polo estudantado dos centros de educación secundaria aos retos tecnolóxicos expostos por ASPACE Coruña.
Ademais, durante toda a Maker Faire celebrouse a segunda edición dun Hackaton de Tecnoloxías Inclusivas, que pretendía responder a necesidades expostas por usuarios de COGAMI, a ONCE, e ASPACE Coruña. A fin de semana varios grupos estiveron a traballar en solucións tecnolóxicas e presentaron os seus proxectos o domingo pola tarde, baixo a atención do xurado formado por representantes destas entidades e do CITIC. A entrega do premio ao proxecto SENSUWalk, unha aplicación móbil para mobilidade urbana de persoas con sordocegueira, foi realizada por Thais Pousada, con varios agasallos promovidos polo propio centro de investigación coruñés.

PUBLICIDADE