O CITIC participa na Conferencia da Asociación Española para a Intelixencia Artificial

xoves, 8 de novembro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña participou no mes de outubro na XVIII Conferencia da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (CAEPIA 2018), un foro internacional que se celebra de forma bienal, aberto a investigadores de todo o mundo dispostos a debater sobre os últimos avances científicos e tecnolóxicos en Intelixencia Artificial. Así, varios investigadores do CITIC presentaron oito traballos nas áreas de Computación Evolutiva e Aprendizaxe Automática e as súas extensións a Big Data e aplicación en áreas como a clasificación das etapas do sono.
Ademais, o investigador Carlos Gómez Rodríguez coorganizou, xunto a Eugenio Martínez Cámara (Universidade de Granada), o titorial Procesamiento del Lenguaje Natural y Análisis de Sentimientos. O obxectivo do mesmo foi describir como representar a linguaxe natural para ser procesada por unha computadora, é dicir, como construír características que representen a linguaxe natural.
Grazas aos seus traballos de investigación, catro investigadores do CITIC foron premiados no marco da CAEPIA 2018. Os traballos premiados foron os seguintes:
· Premio ao mellor traballo (ex aequo) presentado no II Workshop en Big Data y Análisis de Datos Escalable: Segmentación de mercado explicable sobre datos de alta dimensión. Carlos Eiras Franco, Bertha Guijarro Berdiñas, Amparo Alonso Betanzos, Antonio Bahamonde.
· Premio ao mellor traballo presentado por un alumno (Carlos Eiras): Selección de características escalable con ReliefF mediante el uso de Hashing Sensible a la Localidad. Carlos Eiras Franco, Bertha Guijarro Berdiñas, Amparo Alonso Betanzos, Antonio Bahamonde.
· Premio ao mellor paper no Workshop de Deep Learning: Uso de técnicas de Saliency para Selección de Características. Brais Cancela, Verónica Bolón Canedo, Amparo Alonso Betanzos, João Gama.
· Premio ao mellor paper no Simposio Teoría y Aplicaciones de Minería de Datos: Análisis de algoritmos de cuantificación basados en ajuste de distribuciones. Alberto Castaño, Laura Morán Fernández, Jaime Alonso, Verónica Bolón Canedo, Amparo Alonso Betanzos, Juan José del Coz.
Tamén hai que salientar que a investigadora Amparo Alonso foi reelixida presidenta da Asociación Española para la Intelixencia Artificial (AEPIA), unha agrupación formada por docentes, investigadores e profesionais que comparten intereses en temas relacionados coa Intelixencia Artificial. Alonso revalidou o seu cargo para os vindeiros anos por unanimidade.

PUBLICIDADE