O CITIC mostrou na Mobile Week Ourense os fitos tecnolóxicos do seu programa Talentos Inclusivos

martes, 20 de setembro do 2022 S. P.

Entre as iniciativas dadas a coñecer na pasada edición da Mobile Week Ourense, evento tecnolóxico galego coordinado por Fernando Suárez e impulsado pola Deputación, houbo un importante feixe de propostas centradas na confluencia entre solidariedade, vontade inclusiva e tecnoloxías avanzadas. Neste punto tivo un papel destacado Talentos Inclusivos, o programa co Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC) para achegar ás persoas con diversidade funcional ás vantaxes e utilidades das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. O proxecto Talentos Inclusivos, que basea as súas liñas de acción en loitar contra a fenda dixital que afecta a estes colectivos, foi dado a coñecer polo subdirector do centro, Javier Pereira.
Na súa intervención Pereira debullou as claves deste proxecto, que camiña xa pola terceira edición. Na primeira parte da charla presentáronse os resultados do traballo realizado no proxecto Talentos Inclusivos. Trátase dun proxecto realizado entre o CITIC da UDC, ASPACE Coruña (Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral) e a Consellería de Educación en 10 institutos galegos. A súa metodoloxía básico de traballo é a seguinte: as persoas con parálise cerebral expoñen algúns dos problemas cos que se atopan acotío e o alumnado dos institutos tenta darlles resposta desenvolvendo un proxecto tecnolóxico para eliminar esas limitacións. Presentáronse algúns dos proxectos, cunha demostración en directo:
-Dron controlado coa cabeza.
-Coche robot que se conduce co movemento da man.
-Coche eléctrico.
-Xoguete infantil adaptado con botón.
-Videoxogo Pong con botón de control adaptado.
Mobile Week, contra a fenda dixital
A segunda edición da Mobile Week Ourense, que se celebrou esta semana que vimos de deixar atrás (entre o xoves 15 e o domingo 18 de setembro), ofreceu máis de 70 actividades nun amplo programa que incluíu obradoiros, charlas, conferencias, demostracións e formación tecnolóxica. O obxectivo foi achegar os novos fenómenos TIC ao público infantil, á mocidade, ás familias, aos docentes, á poboación sénior e aos profesionais do sector. A Mobile Week Ourense xorde da alianza da Deputación provincial e Mobile World Capital Barcelona para alcanzar un dos principais obxectivos desta iniciativa: loitar contra a fenda dixital achegando a tecnoloxía á cidadanía.

PUBLICIDADE