O CITIC estrea os Almorzos TIC Talk

xoves, 31 de marzo do 2022 S. P.

O pasado martes 29 de marzo daba comezo o ciclo de xuntanzas Almorzos TIC Talk do CITIC. Estes encontros están dirixidos a membros do CITIC que se atopan nas primeiras etapas da súa carreira investigadora e están concibidos para compartir a investigación que se realiza no centro nun ambiente informal. Os Almorzos TIC Talk terán unha periodicidade mensual e buscan potenciar a transversalidade amais de promover posíbeis colaboracións entre o persoal investigador.
A primeira sesión foi a cargo de Alberto Manzano, que falou sobre computación cuántica; logo chegou a quenda de Cristina Pelayo e Francisco Pérez, que comentaron o seu traballo no eido do 3D Artist.
Os membros da comisión de formación, Álvaro Leitao e David Vilares, presentaron a iniciativa xunto co subdirector Javier Pereira, e deron paso a Alberto Manzano, que explicou os principios básicos da computación cuántica e, máis en concreto, o seu traballo centrado na creación de estratexias para reducir o erro probabilístico en computación. A continuación, Cristina Pelayo e Francisco Pérez amosaron o proceso de creación 3D e a aplicación dos desenvolvementos no ámbito da mobilidade autónoma.
Para finalizar, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, agradeceu a súa presenza a todos os asistentes e animou a participar nos vindeiros encontros, que se celebrarán o último martes de cada mes.

PUBLICIDADE