O CITIC da Universidade da Coruña, Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG

martes, 21 de setembro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue dando a coñecer ás persoas, entidades, organismos e centros que son obxecto este ano dos seus galardóns anuais, que se van entregar no marco da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago). Segundo fixo saber o colexio que preside Fernando Suárez, este ano o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino irá dar ao Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, polo seu proxecto Talentos Inclusivos destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que da visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras.
Co Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, a organización colexial pretende “amosar a capacidade da Enxeñaría en Informática para mellorar a calidade de vida en distintos ámbitos e colectivos sociais, implicando á poboación más nova en iniciativas como a galardoada na presente edición”.
Segundo engade o CPEIG, Talentos Inclusivos é un proxecto colaborativo posto en marcha polo CITIC xunto con ASPACE Coruña, co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. O obxectivo do proxecto é dobre: fomentar as vocacións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) entre estudantes de Secundaria e Bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional, facilitando ademais o día a día das persoas con parálise funcional. Con esta finalidade, creáronse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de secundaria e bacharelato de diferentes centros educativos da provincia de Coruña, apoiados polo seu profesorado da materia de tecnoloxía e por persoal investigador do CITIC.
Desta maneira, os usuarios e usuarias de ASPACE Coruña propuxeron diferentes retos tecnolóxicos que foron resoltos polo alumnado dos centros educativos. Durante todo o curso académico, máis dun centenar de estudantes implicáronse na iniciativa para dar solución a problemas cos que adoitan atopan as persoas con parálise cerebral. Algúns dos desenvolvementos tecnolóxicos foron un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.
O investigador principal do proxecto e subdirector do CITIC, Javier Pereira, afirma que “o proxecto Talentos Inclusivos proporciona coñecemento científico en beneficio da sociedade, que é un dos obxectivos co que o CITIC foi creado”. Tamén destacou a “gran implicación dos estudantes no proxecto”, así como “a súa capacidade de empatizar coas persoas con parálise cerebral para tentar axudar e propoñer solucións”.
Ante o éxito da primeira edición, o proxecto terá unha nova convocatoria no recentemente iniciado curso académico.

PUBLICIDADE