O CITIC da UDC impulsa unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación

luns, 4 de maio do 2026 S. P.

Foto de Vanessa Rábade

A Universidade da Coruña deu un paso importante cara ao futuro da tecnoloxía tras conseguir unha axuda de 1.041.161,15 euros destinada a reforzar a investigación en computación e comunicacións cuánticas no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).
Este financiamento, concedido no marco dunha convocatoria estatal impulsada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Axencia Estatal de Investigación e cofinanciado pola UE, permitirá dotar ao centro de novas capacidades científicas nun ámbito considerado clave para o desenvolvemento tecnolóxico das vindeiras décadas.
Segundo confirmaron fontes do CITIC, o investimento fará posible “a creación dunha infraestrutura avanzada que combinará tecnoloxías clásicas de computación con sistemas cuánticos, un enfoque que abre novas posibilidades para abordar problemas complexos que hoxe en día resultan difíciles ou mesmo imposibles de resolver”.
Dende o centro da UDC lembraron que a computación cuántica permite “procesar información dunha forma radicalmente distinta á actual”, o que “podería traducirse en avances significativos en ámbitos como a medicina, a seguridade dixital ou o deseño de novos materiais”.
Grazas a este proxecto, o CITIC contará con equipamento especializado que permitirá experimentar con este tipo de tecnoloxías e desenvolver novas aplicacións. Ademais, a infraestrutura está concibida para ser utilizada de forma compartida por distintos grupos de investigación, fomentando a colaboración interdisciplinar e a xeración de coñecemento con impacto social.
A incorporación destas capacidades reforza o papel do CITIC da UDC como axente innovador e abre a porta a novas oportunidades de colaboración con empresas, facilitando a transferencia de coñecemento e contribuíndo ao desenvolvemento económico e tecnolóxico da contorna.
A participación do CITIC na Cátedra ITG-UDC en Tecnoloxía Cuántica, asinada recentemente entre a Universidade da Coruña e o centro tecnolóxico ITG, reforza a aposta institucional por este ámbito, impulsando a investigación, a formación e a transferencia de coñecemento.
O director do CITIC, que dirixirá a Cátedra ITG-UDC na universidade, Manuel G. Penedo, destaca que “a axuda recibida permítenos avanzar cara a unha investigación máis ambiciosa e situarnos nunha posición destacada dentro do ámbito das tecnoloxías cuánticas. É unha oportunidade para crecer, colaborar e xerar coñecemento con impacto real”. Neste sentido, subliña que “a obtención desta infraestrutura é froito dunha traxectoria sostida do centro neste campo e dunha estratexia de especialización progresiva”.
O CITIC desenvolveu nos últimos anos unha actividade científica relevante en computación cuántica, na que foi un dos centros pioneiros en Galicia xunto ao CESGA. Esta traxectoria materializouse na súa participación en proxectos competitivos como NEASQC (Next Applications of Quantum Computing), dirixido no centro polo investigador Vicente Moret Bonillo, así como a súa participación en iniciativas como o proxecto QEX, o primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica, no que a participación española é integramente galega.
No CITIC, QEX está dirixido por Diego Andrade e conta cun equipo de persoal investigador adscrito ao centro. Estas accións reforzan a súa integración en redes internacionais de excelencia en computación cuántica.
Así mesmo, este ano o investigador do CITIC Diego Andrade foi nomeado co-leader do grupo de traballo de Quantum Computing de European Technology Platform for High Performance Computing (ETP4HPC), a plataforma que define a folla de roteiro tecnolóxico en materia de supercomputación en Europa. Isto consolida a presenza do centro nos principais foros europeos de computación de altas prestacións e tecnoloxías cuánticas.
Este conxunto de iniciativas supón un recoñecemento explícito a unha traxectoria consolidada e a un equipamento do que aínda dispoñen poucas organizacións e centros de investigación, situando ao CITIC nunha posición destacada no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas aplicadas.
En palabras do centro da UDC, “a consecución deste apoio supón un novo paso na estratexia do centro para consolidarse como axente relevante na investigación en computación cuántica en Galicia, con especial atención a ámbitos como a criptografía e as comunicacións seguras”.
Na mesma liña, o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo, resalta que “estamos ante un investimento estratéxico que reforza o noso compromiso coa investigación de calidade e co desenvolvemento de tecnoloxías que marcarán o futuro. A aposta pola ciencia é tamén unha aposta polo progreso da sociedade”.
A infraestrutura está pensada para dar servizo a unha ampla comunidade investigadora. Poderán beneficiarse dela grupos de distintas áreas dentro da Universidade da Coruña, desde a enxeñería ou a informática ata as ciencias da saúde, así como entidades externas como centros tecnolóxicos ou empresas interesadas en explorar o potencial destas ferramentas. Deste xeito, créase unha contorna aberta que favorece a colaboración e facilita que os avances científicos poidan trasladarse de forma máis rápida á sociedade.
O proxecto contará tamén coa implicación de persoal investigador do propio CITIC, que axudará a trasladar de forma clara o potencial destas tecnoloxías. Tal e como explica Eduardo Mosqueira Rey, subdirector do CITIC e investigador do centro especializado na materia: “a computación cuántica está cada vez máis preto de noso día a día. Permitiranos, nun futuro non afastado, resolver problemas complexos en menos tempo e con maior precisión, o que pode ter un impacto directo en moito ámbitos, desde a saúde ata a industria”.
Álvaro Leitao Rodríguez, investigador Ramón e Cajal que traballa na aplicación de computación cuántica ao sector financeiro, sinala que “a nova infraestrutura permitiranos estudar as potenciais vantaxes cuánticas teóricas sobre unha contorna moito máis próxima á realidade, e avaliar que aspectos, metodolóxicos e/ou técnicos, son relevantes para trasladar as devanditas vantaxes computacionais á resolución de problemas prácticos complexos”.
Tres grandes ámbitos de desenvolvemento
A nova infraestrutura organizarase en tres grandes ámbitos complementarios. Por unha banda, permitirá experimentar con computación cuántica a través de sistemas específicos que reproducen o comportamento destas contornas de forma controlada. Por outro, incorporará capacidades en comunicacións cuánticas, unha tecnoloxía crave para garantir transmisións de información moito máis seguras. Finalmente, todo iso integrarase con sistemas de computación de alto rendemento xa existentes, o que permitirá combinar o mellor da informática clásica e a cuántica para abordar problemas complexos dunha forma máis eficiente.