O CITIC da UDC desenvolverá proxectos de IA e saúde, seguridade e estatística financiados polo Goberno

luns, 26 de agosto do 2024 S. P.

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades seleccionou seis proxectos dirixidos por persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña dentro dos convocatoria Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023. Contarán cun financiamento que ascende a máis dun millón de euros e desenvolveranse durante os próximos 3 anos.
Os programas contemplan o desenvolvemento e aplicación de novas tecnoloxías TIC en Intelixencia Artificial, estatística avanzada e ciberseguridade. Teñen como obxectivo abordar desafíos actuais en diversas áreas, incluíndo a saúde e a biomedicina, a sustentabilidade, a accesibilidade, a viabilidade económica, a xeración de sistemas intelixentes confiábeis e a protección contra ciberameazas.
IA máis sostíbel, accesíbel e segura para mellorar a vida das persoas
O desenvolvemento de novos métodos estatísticos para a análise de datos complexos con aplicacións en ciencias da saúde, a biomedicina e a ciencia dos materiais é o obxectivo do proxecto Inferencia estatística utilizando métodos flexíbeis para datos complexos: teoría e aplicacións. Liderado por Mario Francisco Fernández e Ricardo Cao Abad, abordará a investigación de novos métodos non paramétricos e semiparamétricos que poden mellorar de xeito significativo a calidade de vida de pacientes con enfermidades como o cancro de mama e a artrite reumatoide.
Tecnoloxías da linguaxe desde unha perspectiva verde: dominios con escasos recursos, dirixido por Carlos Gómez Rodríguez e Jesús Vilares Ferro, é o título que dá nome ao segundo dos proxectos financiados. Neste caso, trátase de abordar o reto de adaptar os modelos de Procesamento da Linguaxe Natural (NLP) a criterios de sustentabilidade ambiental e viabilidade económica, sen comprometer o seu rendemento. A investigación centrarase en técnicas para explotar escenarios con escasos recursos, contribuíndo á creación dunha Intelixencia Artificial máis sostíbel e accesíbel.
As investigadoras do CITIC Bertha Guijarro Berdiñas e Amparo Alonso Betanzos serán as responsábeis de materializar o concepto de IA frugal grazas ao proxecto Aprendizaxe automática frugal: potenciando a IA en contornas con recursos limitados para os desafíos do mundo real. O programa busca desenvolver novos algoritmos de aprendizaxe automática que funcionen eficazmente en escenarios con recursos limitados. A investigación enmárcase na tendencia cara á IA frugal, que promove un uso máis sostible e democrático da intelixencia artificial, ampliando ademais as súas posibilidades de aplicación a contornas con restricións de datos, tempo e capacidade computacional.
Algoritmos de Aprendizaxe Automática de Nova Xeración para a Análise de Rexistros Médicos do Sono (NEXT-XENE-SOMNUS) é o proxecto que levarán a cabo os equipos de Eduardo Mosqueira Rey e Diego Álvarez Estévez. A iniciativa busca mellorar a análise dos rexistros médicos do sono mediante o uso de diversos algoritmos de aprendizaxe automática de nova xeración, baseados en mecanismos de autoatención, a colaboración de expertos humanos no proceso de aprendizaxe e a inclusión da computación cuántica. A través destes preténdese desenvolver solucións máis eficientes e explicables para o diagnóstico de trastornos do sono.
O proxecto innovador Mellorando a Detección de Ciber Ameazas usando Modelos de Linguaxe de Gran Tamaño para Protocolos de Rede explora o uso de modelos de linguaxe de gran tamaño (LLM) aplicados a protocolos de rede para mellorar a detección de ciberameazas e ataques cibernéticos. Liderado por Fidel Cacheda Seijo e Víctor Manuel Carneiro Díaz, céntrase na integración destas técnicas nos sistemas de xestión de eventos e información de seguridade (SIEM), mellorando a precisión e eficiencia na detección de ataques cibernéticos.
Por último, Xeración de Explicacións en Sistemas Intelixentes Híbridos para Asegurar a Fiabilidade, co-dirixido por José Pedro Cabalar e o investigador do CITIC José Santos Reyes, persegue a consecución de sistemas intelixentes seguros mediante a xeración de explicacións baseadas en coñecemento, orientadas ao entendemento humano e adaptadas aos criterios de rendición de contas, responsabilidade e transparencia. Con tal fin, úsase como base formal o paradigma de representación do coñecemento e resolución de problemas coñecido como Answer Set Programming (ASP) e estúdase a construción de sistemas híbridos que incorporan distintas ampliacións en tarefas de razoamento, así como en aprendizaxe automática baseada en computación evolutiva. O proxecto implica tanto investigación teórica fundamental como desenvolvemento de prototipos software que serán aplicados en catro escenarios reais usados como probas de concepto.