O CITIC da UDC acolle un seminario sobre Intelixencia Artificial e dixitalización no mercado laboral

luns, 9 de outubro do 2023 S. P.

Como xa anunciamos dende Código Cero, mañá, martes 10 de outubro, celebrarase o seminario e foro de debate Cualificacións e Habilidades Prácticas na Era da Intelixencia Artificial e a Dixitalización Avanzada, organizada polo CITIC e o grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento da UDC.
O punto de encontro deste evento estará na sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña a partir das 11:30h e dará comezo analizando como o Big Data e a Intelixencia Artificial están a revolucionar os mercados laborais, dando a coñecer de que xeito anticipa tendencias e emparella demandas e oferta laborais de xeito máis eficiente.
Participarán, Fabio Manca, coordinador de Big Data, Dirección de Emprego e Asuntos Sociais da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e Zeltia Lado, directora Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia.
Manca será o encargado de impartir a primeira das charlas, ás 12 horas, baixo o título The demand for Skills in online labor markets: Towards a Big Data approach and new tools for detecting skills shortages and improving matching, que pretende ser unha inmersión profunda na intersección da demanda de habilidades nos mercados laborais en liña, o poder do Big Data e as ferramentas intelixentes para enfrontarse á escaseza de habilidades e mellorar a eficiencia no emparellamento laboral. Zeltia Lado, pola súa banda, falará ás 12:25 horas sobre a iniciativa de Emprego Intelixente (Emi), unha solución innovadora que usa a a Intelixencia Artificial para mellorar a procura de emprego e a xestión de recursos humanos, afondando en como enfrontarse aos desafíos actuais no ámbito laboral e en como o Emi beneficia tanto aos candidatos como ás empresas.

PUBLICIDADE