O CITIC culminou un proxecto para mellorar o rendemento dos serradoiros mediante Visión Artificial

luns, 26 de abril do 2021 S. P.

O CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) informou do remate do proxecto AOAIRE, destinado a desenvolver un sistema de cubicaxe de madeira mediante Intelixencia Artificial. O equipo do CITIC responsábel de dar forma a esta tecnoloxía estivo formado por Marcos Gestal e Julián Dorado, xunto con Alejandro Pazos, Nieves Pedreira e Cristian R. Munteanu.
O proxecto, financiado polo programa Conecta PEME, consiste en achegar un recurso avanzado para mellorar o rendemento dos sistemas de secado, probar novas tecnoloxías de secado e reducir o custo relacionado coas devanditas operacións nos serradoiros de Galicia. A tarefa do equipo investigador centrouse en facilitar a cubicaxe da madeira nas operacións posteriores ao secado.
O CITIC lembra que a o sistema colleu impulso para encher un importante baleiro nas ditas empresas, nas que até o de agora, para calcular o volume da madeira, viña empregándose un valor medio ante a imposibilidade de facer un cálculo preciso. “Este cálculo medio realizábase á baixa, o que facía perder ingresos aos serradoiros”, informan fontes do centro coruñés, engadindo que con este proxecto “obtéñense datos máis precisos e evítase esa perda de ingresos”.
O sistema desenvolvido componse de dous subsistemas:
- Un equipo físico que encarga de escanear o código de barras único de cada palé e tomar imaxes do mesmo.
- Un sistema software que permite calcular o volume da madeira en función das imaxes tomadas e dos datos de altura e lonxitude dos taboleiros facilitados polo serradoiros. O software, neste punto, é capaz de detectar os ocos existentes entre as táboas, o que lle permite facer un cálculo preciso do volume de taboleiros.
Este proxecto está enmarcado dentro do programa Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que ofrece axudas para a realización de proxectos de I+D+i, en colaboración entre empresas en áreas estratéxicas para Galicia.

PUBLICIDADE