O CITIC crea escenarios personalizados de VR para mellorar o día a día das persoas con diversidades funcionais

venres, 10 de febreiro do 2023 S. P.

O CITIC da UDC, no marco das celebracións do Día da Muller e da Nena na Ciencia, presentou os detalles dun proxecto para desenvolver escenarios personalizados de realidade virtual para mellorar o día a día das persoas con diversidades funcionais e cognitivas. O proxecto, desenvolvido polo doutorando Manuel Lagos, está liderado pola investigadora do CITIC Thais Pousada, referente da investigación galega e estatal impulsada polas mulleres.
O obxectivo concreto, como dixemos, é favorecer a rehabilitación das ditas persoas mediante o emprego de escenarios virtuais que permiten a realización de diversas actividades da vida cotiá como cortar un anaco de carne ou abrir a billa para encher unha xerra”. O proxecto preséntase baixo o epígrafe Contornas personalizadas de realidade virtual para a intervención con persoas con diversidade funcional.
“Os usuarios poden interactuar dentro da súa vivenda para levar a cabo cuestións instrumentais básicas da vida cotiá como apartar unha cadeira para sentar ou facer a compra no supermercado”, explica a investigadora CITIC, quen sinala que este proxecto busca “complementar as terapias habituais dunha maneira segura, amena e motivadora”.
O proxecto atópase en fase de desenvolvemento e os escenarios realizados polo enxeñeiro informático e doutorando Manuel Lagos xa foron probados por persoas usuarias da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO). “Os resultados foron moi positivos, polo diferente que é das terapias que realizan habitualmente e permitíronnos axustar certas cuestións para a que a nosa aplicación sexa o máis útil posible no futuro”, engade a investigadora, quen sinala que esta ferramenta xerará un informe con diferentes datos de interese para a avaliación do seu profesional sanitario, quen poderá consultar cuestións tales como “o rango de movemento das mans ou o tempo de duración de cada actividade, entre outras”. Ademais, colaboran coas entidades COGAMI (a nivel galego) e COCEMFE Castela León.
A diferenza doutras aplicacións comerciais, o proxecto integra un sistema Leap Motion, sistema óptico capaz de rastrexar o movemento de mans e dedos da persoa usuarias sen necesidade de mandos, o que mellora a inmersión nos escenarios.
Tecnoloxía ao servizo das persoas
Thais Pousada forma parte do cadro investigador do CTIC da UDC, no que tres de cada dez investigadores son mulleres. Doutora en Ciencias da Saúde, terapeuta ocupacional e enfermeira, a súa traxectoria sempre estivo vinculada á mellora da calidade de vida e a saúde das persoas mediante a resolución das súas necesidades aplicando o uso da tecnoloxía para facilitar a realización de actividades no seu día a día. A través do uso da impresora 3D e lentes de realidade virtual realiza diferentes investigacións encamiñadas a dar resposta ás necesidades das persoas con características diversas. “Un dos maiores beneficios de traballar con estas persoas é a satisfacción de ver que o noso labor investigador repercute nunha mellora da súa calidade de vida”, explica Thais Pousada, quen anima ao alumnado, en especial as adolescentes, a achegarse a este tipo de disciplinas universitarias e a desenvolver tamén as súas carreiras profesionais nas mesmas, coincidindo coa conmemoración deste 11F, Dia da Muller e da Nena na Ciencia.

PUBLICIDADE