O CITIC acolle o vindeiro venres o XIV Foro de Interacción Matemática Industria

venres, 28 de maio do 2021 S. P.

Será o vindeiro venres 4 de xuño cando se celebre o XIV Foro de Interacción Matemática Industria no edificio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, entidade colaboradora da xornada.
Estamos perante un encontro organizado polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), con sede na Universidade de Santiago, e que dá forza ao traballo dos grupos de investigación en Matemática Industrial das áreas de Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa das tres universidades galegas co obxectivo de ligar a tecnoloxía matemática á industria e ao sector produtivo.
Informar que o encontro levarase a cabo de xeito presencial e virtual, estando prevista a asistencia de algo máis de setenta persoas do eido académico e empresarial.
Na xornada, as empresas convidadas exporán as súas necesidades tecnolóxicas e ás que se pode dar solución a través do modelado, a simulación e optimización de procesos e dispositivos, a estatística ou o Big Data, entre outras ferramentas.
Cal é a finalidade deste foro de carácter bi-anual e itinerante polos diferentes campus universitarios de Galicia? A meta é fortalecer a colaboración e sinerxías entre as empresas, as universidades e os estudantes actuais, futuros e antigo alumnado.
Entre os relatores estarán expertos empresariais e representantes do ITMATI, quen presentarán o seu modelo de éxito na transferencia de tecnoloxía matemática e innovación industrial, así como os dous programas de mestrado que imparten conxuntamente as tres universidades galegas: o Mestrado de Matemática Industrial (M2i)
- con participación das universidades Carlos III e Politécnica de Madrid- e o Mestrado en Técnicas Estatísticas (MTE).
Segundo apunta Silvia Lorenzo Freire, investigadora do CITIC e de ITMATI, profesora titular de Estatística e Investigación Operativa da UDC e que tamén integra os comités científico e organizador do foro: “Detrás da rápida dixitalización da economía e de termos tan de moda como a Intelixencia Artificial, o Big Data ou a Internet das Cousas están as matemáticas e, en particular, a estatística, a optimización e a simulación numérica”.
Subliña Íñigo Arregui Álvarez, coordinador do Máster de Matemática Industrial na UDC, investigador do CITIC, colaborador de ITMATI e membro dos ditos comités, “os importantes beneficios que achegan os métodos e a simulación numérica nos procesos operativos de industrias tan presentes en Galicia como o naval, a automoción ou as finanzas”.
Indo ao miolo do encontro, os representantes das empresas participantes analizarán temas moi diversos: Maurizio Sanarico, responsábel de datos científicos da consultora multinacional SDG Group, falará sobre os avances que desde a súa organización desenvolveron por mor da crise da COVID-19 no ámbito da Intelixencia Artificial aplicada á sanidade, para facilitar o acceso da sociedade ao medicamento preventivo e á telemediciña.
Guillermo Renancio Artal, director de Expansión, Tecnoloxía e Alianzas do Grupo Nova Pescanova, falará sobre modelos preditivos de evolución de contornas naturais e benestar animal en espazos físicos multifactoriais sen intervención humana.
As novas solucións tecnolóxicas emerxentes no sector financeiro serán abranguidas por Aitor Biain Galdos, xerente da compañía Almis, e por Adrián Pacheco Paz, xefe de Equipo en Álamo Consulting, mentres que Adriel Regueira Suárez, responsábel de ciberseguridade da empresa Tecdesoft, explicará o novo paradigma da fabricación avanzada mediante modelos de Intelixencia Artificial para tomar mellores decisións.
Pola súa banda, Maruxa Quiroga García, directora executiva (CEO) e co-fundadora da empresa ourensá Tastelab, explicará o uso da sensometría para a análise estatística automatizada de datos en percepción sensorial, co fin de garantir o éxito de produtos no mercado (alimentario e cosmético, especialmente) a partir das respostas dos consumidores e de avaliadores expertos.
En representación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, intervirá o seu xerente Rubén Gayoso Taboada, quen mostrará as principais claves sobre o traballo de transferencia tecnolóxica e innovación matemática á industria que se realiza desde o centro. Os profesores Elena Vázquez Cendón e Julio González Díaz, investigadores da ITMATI, serán os encargados de presentar o actual Mestrado de Matemática Industrial e o relativo a Técnicas Estatísticas, dos cales son coordinadores xerais.

PUBLICIDADE