O CESGA conmemorou o seu 30º aniversario

venres, 15 de decembro do 2023 Redacción

Esta mañá tivo lugar un evento de conmemoración do trinta aniversario do CESGA, no que participou a directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey, xunto ao director do centro, Lois Orosa, o subdirector técnico, Ignacio López, o ex-presidente do centro, Miguel Ángel Ríos, e o ex-director, Antonio Casares.
A directora de Gain destacou a posición de vangarda que ocupa o centro no eido da computación de altas prestacións coas actuais infraestruturas, como o Finisterrae III, a segunda máquina de cálculo científico máis potente do Estado, e o computador cuántico con máis bits cuánticos do sur de Europa instalado nunha institución pública. Argerey apuntou que estas capacidades sitúan ao CESGA como un socio tecnolóxico fundamental e locomotora do ecosistema galego de innovación e destacou a súa contribución a proxectos en eidos como a saúde, a educación ou a industria.
Argerey anunciou que a aposta da Xunta de Galicia por este centro desde a súa creación no 1993, verase reforzada cun investimento de 47 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos do Ministerio de Ciencia e Innovación, para a adquisición dun novo computador cuántico, o QMIO II, e o supercomputador Finisterrae IV, entre outras actuacións. Con este investimento, aspírase a converter ao CESGA no horizonte do 2030 nun referente europeo en supercomputación e computación cuántica que contribúa a mellorar a competitividade da nosa economía en beneficio da sociedade.

Balance de trinta anos

Desde 1993, o CESGA foi varias veces líder a nivel estatal en capacidade de cálculo, destacando o fito de converterse no ano 2007 en Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular como membro da Rede Española de Supercomputación. En 30 anos, o centro multiplicou por 2 millóns a potencia do primeiro supercomputador, por 250.000 a capacidade de memoria e por 3 millóns a de almacenamento.
O nacemento do CESGA coincidiu coa extensión do uso de internet en Galicia a través da RedIris. Entre os seus maiores activos atópanse os seus recursos humanos, que pasaron de 6 a 51, e a ampla comunidade de usuarios, que pasou de 89 a máis de 1.150 actualmente. Destaca a súa vocación de colaboración co resto de axentes do ecosistema galego de innovación, cos que mantén conexións, así como co resto de centros de supercomputación de España e Europa e as redes de comunicacións nacionais e internacionais.
No eido da contribución á sociedade, as súas infraestruturas contribúen a proxectos de predición meteorolóxica e do risco de inundacións, predición mariña europea, almacenamento e análise de datos xenómicos ou á aplicación do Big Data e da Intelixencia Artificial á industria, entre outros. Por último, sinalouse que un dos retos para os vindeiros anos é a atracción e retención de talento.

PUBLICIDADE