O CEI Nodus de Lugo xa deu asesoramento a 3.000 proxectos innovadores

mércores, 26 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo está a facer balance dos froitos acadados co seu Centro de Emprendemento e Innovación do Concello, o CEI Nodus. Por este motivo, este 28 de setembro celébrase unha xornada de portas abertas, a partir das 10.00 horas, para “dar pulo e visualizar a intensa e ampla actividade do centro a prol do medre e a diversificación da economía local e da creación de emprego”. Na xornada, aberta ao público en xeral (incluídas asociacións e entidades de emprendemento), tamén se mostrarán en detalle as instalacións e o traballo que alí se desenvolve en asesoramento e formación. O Concello complementa esta visita cun reconto de fitos. Segundo fixo saber a concelleira de Economía Ana Prieto, o centro ten hoxe unha “elevada actividade”, amosando un 100% en materia de ocupación empresarial.
Esta porcentaxe do 100% é aplicábel aos 27 espazos-palestra (viveiro, obradoiros, laboratorios, espazos-semente e aula coworking) que se poñen en xogo para proxectos innovadores de empresas, emprendedores e asociacións.
A concelleira Ana PrietoDende a súa posta en marcha, no ano 2004, prestou asesoramento a 3.000 proxectos empresariais, dos que 400 colleron impulso, dando emprego a medio milleiro de persoas. Segundo engadiu Prieto, a porcentaxe de supervivencia das empresas está no 80%, e “unhas 5.000 persoas participaron nas actividades de formación, difusión e asesoramento”.
Ana Prieto subliñou que o CEI Nodus é un dos piares das políticas de emprego do Concello, ás que o Goberno destina 3M€ no Orzamento deste ano. A día de hoxe, ten proxectos en marcha por valor de 2M€ que benefician a 250 persoas, entre os programas Empregalia, Inicia Coworking, o viveiro de empresas do CEI e da Tinería, os obradoiros de emprego e o plan Mellora Lugo. Así mesmo, “no marco do seu continuo traballo por atraer investimentos”, presentou candidatura a fondos europeos co plan EmPodérate, dirixido a colectivos en risco de exclusión social, cun orzamento de2M€ e 300 beneficiarios.

PUBLICIDADE