O C-Lab de Samsung amosará interesantes innovacións tecnolóxicas no CES

mércores, 30 de decembro do 2015 Marcus Fernández

A celebración do CES en Las Vegas entre os días 6 e 9 de xaneiro vai servir de escaparate para moitas tecnoloxías, e Samsung quere aproveitar a cita para amosar ao público por primeira vez tres dos proxectos do seu laboratorio creativo (C-Lab) que son bastante rechamantes e con claras aplicacións prácticas: un cinto monitorizador, un sistema de control para a realidade virtual e unha solución para empregar o propio corpo do usuarios para transmitir son.
O WELT é un produto wearable que podemos considerar revolucionario polo feito de ser unha solución de saúde electrónica que resulta practicamente invisible xa que adopta a forma dun cinto, que agocha tecnoloxía de monitorización da nosa saúde, sendo capaz de rexistrar no son o contorno da nosa cintura, senón os hábitos alimenticios e o tempo que pasamos sentados, para analizar logo o resultado e axudar logo a coidar da nosa saúde e controlar o noso peso.
Como 2016 vai ser o ano no que cheguen ao mercado varias solucións de realidade virtual, Samsung preparou rink, un controlador que se leva nas mans, e que facilita a interacción co mundo virtual, que podería empregarse para xogos ou para controlar intuitivamente contidos do mundo virtual, incrementando a inmersión da realidade virtual móbil pola que Samsung aposta con dispositivos como as Gear VR.
O produto máis atractivo que o C-Lab presentará no CES parece ser o TipTalk, que permitiría que accesorios conectados como o smartwatch Samsung Gear S2, puidesen transmitir o seu audio sen auriculares, chegando con que o usuario premese o seu ouvido cun dedo, de xeito que o propio corpo empregaríase para a transmisión sonora, permitindo así poder atender unha chamada telefónica nun ambiente ruidoso ou para escoitar texto convertido a voz.
Esta nova tecnoloxía será doada de empregar na práctica, xa que déronlle a forma dunha correa de reloxo, o que facilitaría a súa integración en smartwatches ou incluso reloxos tradicionais, podendo sincronizarse con smartphones para gozar dunha alternativa discreta e curiosa ao auricular do teléfono.

O TipTalk permite empregar o dedo do usuario a xeito de auricular

PUBLICIDADE