O BNG reclama do Goberno máis firmeza contra os abusos das operadoras nos contratos de permanencia

martes, 11 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Os atrancos que as empresas lles poñen aos usuarios de servizos de telefonía que queren prescindir deses servizos semellan non ter fin. Así nolo lembra estes días o Bloque Nacionalista Galego que, a través dunha iniciativa de Francisco Jorquera, deputado no Congreso (na imaxe), vén de pedirlle ao Goberno que adopte medidas para rematar coas “prácticas abusivas” das compañías telefónicas que se resisten a deixar marchar a un cliente que decide rachar cun contrato de permanencia. Estas prácticas, que tamén son ben criticables cando falamos do contrario (do comezo dun contrato, en ocasións feito sen por vía telefónica, empregando gravacións á súa comenencia, e sen que o usuario sexa consciente do engano), son para o BNG unha das grandes lacras do panorama da telefonía en España, un país de alta portabilidade móbil (case 430.000 intercambios unicamente en decembro de 2009) que case con toda probabilidade empurra ás empresas a procurar xeitos de termar do cliente.
Por exemplo: os contratos de permanencia por un ano e medio ou dos anos a cambio de subvencións totais ou parciais do novo aparello. Para Jorquera, “cando un usuario decide romper o contrato e pasar a outra compañía antes dos 6 meses, ten que sufragar o total do importe en concepto de penalización, ou unha parte cando leva máis de 6 meses”. E prosegue: “E a pesar de pagar esta abusiva cantidade, as compañías non soen liberar a terminal, é dicer, non facilitan o código de liberación do teléfono”.
Neste senso, o BNG quer que o Goberno adopte medidas para evitar “estes abusos que obriga a moitos usuarios a gastar máis cartos”.

PUBLICIDADE