O BNG pídelle ao Goberno galego que impida a venda de R

mércores, 14 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

A venda de R, da que falamos nesta mesma web, podería representar o comezo da desgaleguización definitiva da operadora. Así opina, entre outras moitas voces, o Bloque Nacionalista Galego, para quen é preciso que o Goberno galego poña en marcha medidas para impedir a venda da empresa de telecomunicacións de fibra óptica. En palabras do voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, R non pode ser unha nova Fenosa e, polo tanto, como BNG non compartimos a decisión de Caixanova de vender a empresa. Para Vázquez, a manobra é criticable dende tódalas frontes, e máis se temos en conta o que lle agarda á empresa e aos clientes logo desta operación.
“A entrega dunha empresa estratéxica, punteira e rendíbel para Galiza a mans foráneas, a unha desas empresas que se dan en chamar de capital de risco, que se adican ao negocio puro e duro e que non van pensar para nada no desenvolvemento do noso país”, sinalou.
E engadiu: “Esta venda vai supoñer un pelotazo para que alguén obteña pingües beneficios no seu momento”. Na súa opinión, O Goberno galego debe impedir a manobra empresarial e ter lista unha Lei de Caixas que posibilite non só a autorización dos investimentos “senón tamén os desinvestimentos”.

PUBLICIDADE