O Apóstolo e Xabarín Club, estrelas da galega dos Premios Mestre Mateo

luns, 8 de abril do 2013 Redacción

Sen dúbida, a obra gañadora dos Premios Mestre Mateo, entregados o pasado sábado pola Academia Galega do Audiovisual, foi un dos filmes máis maltratados polas distribuidoras estatais, O Apóstolo, de Fernando Cortizo, por moito que tanto a crítica cinematográfica como os espectadores certificasen a súa gran calidade e orixinalidade. Polo tanto, foron máis que nunca uns galardóns de xustiza, como tamén foi de xustiza recoñecer a importancia do legado do Xabarín Club, co que varias xeracións de galegas e galegos tiveron a oportunidade de achegárense ás mellores series de animación e, ao mesmo tempo, a un movemento artístico galego que, con todo que ten chovido, aínda se mantén: o Bravú.
Os galardóns (edición número once) entregáronse nun Palacio da Ópera da Coruña ateigado de profesionais do noso audiovisual e, tamén, de zombis. O Apóstolo gañou finalmente seis dos 10 galardóns aos que aspiraba, “e non só resultou elixida como a mellor longametraxe, senón tamén pola mellores dirección, dirección de arte, dirección de produción e música orixinal”, informa a Academia. O sexto galardón foi ao mellor son. Invasor, outra das obras que partían como favoritas, obtivo o máximo recoñecemento na categoría de montaxe. Outras producións que destacaron na gala foron Vilamor, con dous premios á interpretación protagonista feminina e á dirección de fotografía; e Concepción Arenal, a visitadora de cárceres, que obtivo os premios pola mellor interpretación feminina de repartición e o mellor vestiario.
Matalobos alcanzou nesta edición o Mestre Mateo ao mellor guión; Todo é Silencio fíxose co galardón á mellor interpretación masculina de reparto e Lobos de Arga foi recoñecida na categoría de maquillaxe. Os premios para as mellores interpretacións protagonistas foron para Luís Tosar pola película Operación E (aínda que a figura foi recollida no seu nome por Jorge Coira) e Sabela Arán por Vilamor.
Os galardóns ás mellores interpretacións de reparto foron para Mabel Ribeira (por Concepción Arenal, a visitadora de cárceres) e Luís Zahera (por Todo é silencio).
No eido televisivo, Fernanda Tabarés (polo programa Vía V) foi recoñecida como a mellor comunicadora, Zigzag (da TVG) como mellor programa e Era Visto! (de Producións Zopilote para a TVG) salientou por ser a serie de ficción merecedora dunha figura nesta edición. Sairemos como galegos!, de Congo Producións, foi elixido como o mellor anuncio publicitario.
Premio de honra ao Xabarín
Como dixemos, o Xabarín Club, emitido durante anos pola TVG durante case dúas décadas, recibiu o premio de honra pola súa longa traxectoria, pola calidade dos seus contidos, polo mérito da súa imaxe de marca e, tamén, polo pulo dirixido á longa listaxe de grupos musicais galegos que teñen achegado as súas creacións ao devandito espazo, unha boa parte deles integrantes do movemento Bravú, que, como saberemos, reivindicaba un xeito de facer música actual pasado pola peneira da esencia galega. Recolleu o galardón a directora da TVG, Rosa Vilas, quen se amosou orgullosa de que o Xabarín sexa “todo un símbolo”, ao que engadiu que “a canle autonómica é a única na actualidade que fala galego aos nenos”. Vilas tamén lembrou a “aposta decidida” da TVG para seguir ofrecendo programación infantil ás xeracións vindeiras e avanzou que o Xabarín buscará unha maior interactividade co seu público e que será dotado de contido máis aló do ámbito televisivo, chegando a outras plataformas, incluíndo, por suposto, as tecnolóxicas.

PUBLICIDADE