O 80% dos profesionais da saúde estaría disposto a empregar as tecnoloxías da telemedicina
mércores, 30 de outubro do 2013
A escola de negocios IESE
(Universidade de Navarra) e Telefónica presentaron esta semana un
estudo sobre o interese que está a xerar a atención médica a
distancia, propiciada polas novas tecnoloxías, entre as persoas
doentes e dependentes. Segundo se fai saber na investigación, no
caso concreto da telemedicina acontece algo semellante que noutras
tecnoloxías, xeralmente ligadas ao fogar dixital, polas que se
devece pero que polos motivos que sexa non se dan afianzado e
estendido. Ou sexa, que unha gran maioría dos enfermos crónicos e
tamén dos profesionais da saúde desexan botar man das ditas
ferramentas, máis polo miúdo o 70% dos primeiros e o 80% dos
segundos, o problema é que por varios motivos as ditas ferramentas
non dan acadado o pulo que se agarda.
O informe (Xestión
Remota de Pacientes: Un estudo sobre as percepcións de pacientes e
profesionais en España) foi presentado este martes 29 en
Barcelona por Jaume Raventós, director de eHealth de Telefónica, e
Elena Reutskaja, profesora do IESE e autora do informe xunto ao tamén
profesor Jaume Ribera. Segundo informaron, trátase do primeiro
traballo deste tipo realizado en España e recolle a opinión de case
1.800 persoas entre doentes crónicos (hipertensión, diabete,
cardiopatías e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica ou EPOC) e
profesionais médicos de toda España (médicos de cabeceira,
especialistas e enfermeiros) tanto do sector público como privado.
Lembrar que a
telemedicina ou Xestión Remota de Pacientes (GRP) é un sistema que,
a través do uso da tecnoloxía, permite aos pacientes controlar o
seu estado desde o seu fogar e compartir os resultados en tempo real
co seu médico. A día de hoxe, sinálase na investigación, “só
un grupo reducido de profesionais (entre un 3% e un 11%) e de
pacientes (un 7%) empregan decote os sistemas de Xestión Remota de
Pacientes, e todo isto malia os moitos beneficios potenciais que
achegarían, beneficios como a mellora da calidade de atención, a
detección precoz de cambios nas afeccións crónicas, a asunción de
maior responsabilidade dos propios pacientes na súa atención, etc”.
Tendo en conta isto,
cales serían os principais atrancos para acadar u meirande
espallamento destes servizos? Pois segundo se nos conta na
investigación, unha vez máis estariamos ante dous factores ben
definidos: por unha banda a ausencia de accesos e equipamentos
tecnolóxicos axeitados e por outra banda a desconfianza (derivada da
falta de formación e información). De feito, dise, o sistema GRP
esperta preocupación entre ambos os grupos: doentes e profesionais.
A falta de acceso á tecnoloxía por parte dos pacientes e a súa
falta de formación tecnolóxica é unha das principais preocupacións
para o 80% dos profesionais da saúde. Esta falta de contacto cos
médicos é tamén a principal preocupación dos pacientes, aínda
que a maioría recoñecen que se sentirían cómodos utilizando unha
videoconferencia. Só unha media do 16% dos pacientes enquisados
negouse a utilizar o sistema aínda que llo ofrecesen.
Outra das principais
conclusións do estudo, e algo en que coinciden tanto os pacientes
como os profesionais, é que aínda que son maioritariamente
favorábeis ao uso do sistema GRP, elles preciso recibir máis
información, algo que facilitaría o seu afianzamento. Outra das
claves para o seu éxito sería que os médicos, como fonte críbel
que son para os pacientes, axudasen a estes a iniciarse no sistema.
A partir destas
conclusións, o estudo ofrece varias recomendacións para a
introdución eficaz da telemedicina. “O primeiro paso”,
sinálase, “é ofrecer un acceso claro, relevante e transparente
ao sistema GRP, e a iso contribuiría dar a coñecer os resultados de
experiencias de éxito en distintas comunidades e sectores, algo que
axudaría a motivar a súa utilización”. Segundo se engade na
investigación, “o modelo actual de asistencia sanitaria debe
evolucionar cara a un modelo máis sustentábel e conectado, máis
global e enfocado a acadar un paciente máis informado e que sexa
quen de involucrarse directamente na prevención e coidado da súa
doenza”.