O 40% dos usuarios de telefonía móbil decantáronse por smartphones

martes, 4 de setembro do 2012 Raquel Noya

Ata non hai moito tempo, a moda no tocante a telefonía móbil era facer terminais cada vez máis pequenos e con máis aplicacións; tanto era así que algúns modelos tiñan as teclas demasiado pequenas como para poder ser pulsadas cos dedos, e tiñan que venderse cunha especie de punteiro adicional co que manexalos.
Iso levaba parello que as dimensións das pantallas tamén fosen cada vez máis reducidas, e que os menús se debullaran en infinitos submenús que os facía practicamente imposibles de usar por parte das persoas maiores (e ás veces non tan maiores).
Porén a chegada ao mercado dos smartphones de última xeración, con pantallas xigantescas e menús tremendamente funcionais e intuitivos, permitiu que as persoas maiores deixaran de verse na necesidade de mercar teléfonos especiais (de deseños moi rústicos e con poucas funcionalidades), para meterse de cheo nos dispositivos de gama alta, con conexión a Internet e infinitas posibilidades de interacción.
De feito, segundo un estudo realizado por Phone House, “o 40% dos terminais que se lle venderon a persoas de entre 60 e 85 anos son smartphones”, unha cifra que chama moito a atención dos expertos “pola pouca predisposición que teñen as persoas maiores para experimentar con novos dispositivos electrónicos”, afirman.
O éxito dos smartphones de última xeración entre este colectivo radica, ademais de no seu tamaño e na súa funcionalidade, na multitude de aplicacións relacionadas coa saúde e coa información meteorolóxica que achegan, o que os fai moi atractivos para estas persoas moi preocupadas por levar unha boa calidade de vida.
O estudo tamén revelou que os devanditos usuarios declináronse máis por Android que por iOS (nun 90% dos casos) e que a decisión posiblemente foi motivada polo custe do terminal e pola maior oferta que dispón Android no mercado.

PUBLICIDADE