Novo fito da axencia publicitaria Nasas

luns, 9 de outubro do 2023 Redacción

Nasas, axencia de publicidade da Coruña, xa é empresa B Corp polo seu cumprimento con altos estándares en termos de desempeño social e ambiental, transparencia e responsabilidade empresarial. A comunidade de empresas B Corp lidera un movemento global que está a transformar a economía en todo o mundo, empregando a forza da empresa para xerar un impacto positivo. Algunhas B Corps son, por exemplo, Patagonia, Ecoalf, Triodos Bank, Camper ou Central Lechera Asturiana.
A obtención deste selo B Corp converte a Nasas na única empresa non dedicada á sustentabilidade e a única empresa do sector da comunicación que ten este certificado en Galicia. A nivel estatal só outras 10 empresas de comunicación son B Corps e en toda Galicia só hai 2 entidades máis que obtiveron esta importante certificación, ambas dedicadas a produtos e servizos sostibles.
Tal e como destaca a directora da axencia, Fátima Carmena Mayorga: “No caso de Nasas, a certificación obtívose pola nosa operativa, é dicir, polas políticas medioambientais , as condicións do equipo de traballo, o goberno ou a nosa relación cos stakeholders e o trato a provedores, principalmente”, xa que o negocio da axencia consiste en traballar con marcas de toda índole e con ánimo de lucro, o que fai máis difícil e esixente o proceso de certificación.

Nasas, máis de 10 anos como referencia en creatividade e comunicación

Estes anos están sendo moi especiais para a axencia de publicidade coruñesa. Ademais de celebrar o seu décimo aniversario en 2022 e pasar a ser empresa B Corp en 2023, a axencia Nasas recibiu recentemente premios de publicidade a nivel internacional en Dubai, Francia, Estados Unidos, Reino Unido, Suíza e tamén a nivel estatal como un Premio Galicia Alimentación, un Premio da Publicidade en Galego ou varios Premios Paraugas. No 2022 situouse no Top 100 de axencias estatais e no Top 10 de Eficacia de todo o Estado.

PUBLICIDADE